A Xunta adxudica por máis de 260.000 € a redacción dos proxectos de 5 actuacións para reducir o risco de inundación nos concellos de Padrón e de Valga

Cinco empresas redactarán os proxectos construtivos, previstos pola Xunta no marco do Plan de xestión específico para a área fluvial dos ríos Ulla e Sar declarada de risco potencial de inundación, para minimizar o risco de asolagamento nestes dous municipios
 

Definiranse 4 accións en Padrón, que inclúen un canal de protección contra inundacións no rego Avelenda en Iria Flavia, e a mellora dos espazos fluviais e de drenaxe neste rego; tamén actuacións no río Sar no cruce coa AC-301; e no rego Tarrío no cruce co ferrocarril

O quinto contrato céntrase no municipio de Valga e permitirá definir as actuacións de mellora do espazo fluvial do río Valga, entre a liña de ferrocarril e a rúa Devesa

A Xunta segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias
 

Santiago
Compartir
  • whatsapp

de Compostela, 24 de maio de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 260.000 euros a redacción dos proxectos construtivos para impulsar cinco novas actuacións para reducir o risco de asolagamento na área fluvial dos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polos concellos de Padrón e de Valga.

 

Todas son intervencións deseñadas desde Augas de Galicia e enmarcadas no Plan de xestión específico para esta área fluvial, declarada de risco potencial significativo de inundación.

 

Dos cinco contratos adxudicados, catro correspóndense con outras tantas actuacións a desenvolver no municipio coruñés de Padrón, que se suman a outra actuación que impulsa Augas de Galicia nesta área fluvial, de protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello. O quinto contrato adxudicado céntrase no concello pontevedrés de Valga. En todos os casos os traballos terán un prazo de execución de tres meses.

 

Os contratos das actuacións a desenvolver en Padrón inclúen a redacción dos proxectos construtivos para dotar de canal de protección contra inundacións ao rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia; a mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego deste rego; a mellora do espazo fluvial e de drenaxe do río Sar no cruce coa estrada AC-301; e a mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego Tarrío no cruce co ferrocarril. Estes traballos foron adxudicados, respectivamente, ás empresas Ain Active, S.L., Cuartazona Ingeniería S.L., Intacta Gestión Ambiental, S.L., e Consultora de Ingeniería, Medio Ambiente y Arquitectura, S.L. Estes contratos enmárcanse no marco do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello cun investimento de 3 M€.

 

Doutra banda, neste marco de actuación que impulsa a Xunta para minimizar os riscos de asolagamento en Valga, Augas de Galicia adxudicou á empresa Ingeniería del Noroeste, S.L. o contrato para definir as actuacións de mellora do espazo fluvial do río Valga, entre a liña de ferrocarril e a rúa Devesa. Este contrato, desenvólvese no marco do convenio de colaboración da Xunta co Concello de Valga e suporá un investimento autonómico de 1,25 millóns de euros.

 

Coa adxudicación deste contrato, complétanse as intervencións previstas para minimizar o risco de asolagamento no municipio pontevedrés de Valga. Cómpre lembrar que Augas de Galicia impulsa tamén a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril, e actuacións de protección da marxe dereita do río Valga.

 

Estas actuacións cofináncianse pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-220.

 

Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A Xunta está a ultimar a aprobación o Plan de xestión de risco de inundacións do novo ciclo, ata o ano 2027.

 

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar en Valga e Padrón, así como en Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

 

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

 

O departamento que preside Ethel Vázquez segue impulsando a colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

Data de actualización: 24/05/2022