A Policía Autonómica esclarece cinco incendios nos concellos de Covelo, A Lama e Porqueira

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Policía Autonómica esclareceu tres incendios no concello de Covelo da provincia de Pontevedra, ademais doutro lume no municipio da Lama, tamén en Pontevedra, en colaboración con axentes ambientais, e outro en Porqueira (Ourense).

 

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede de Vigo, en colaboración con persoal do posto da Garda Civil de Covelo, resolveron os tres lumes rexistrados nos pasados meses de marzo e abril nos lugares de Costa e Figueroa, pertencentes ás parroquias de Godóns e Maceira do municipio de Covelo, respectivamente, que afectaron 6.000 metros cadrados de monte raso e arborado.

 

No transcurso das investigacións, tomouse declaración a un varón, identificado como presunto autor dos tres incendios. As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución nº 2 de Ponteareas.

 

Por outra parte, axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede en Pontevedra, xunto con axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural e axentes ambientais do Distrito XIX Caldas-O Salnés, esclareceron outro incendio ocorrido o pasado 6 de maio na parroquia da Xesta do concello da Lama, que afectou 0,35 hectáreas de monte raso.

 

Nas pescudas determinouse, tras a inspección ocular,  que na zona se estaban a realizar labores de repoboación e localizouse unha cabicha parcialmente consumida no punto de inicio do lume, e outros restos de cabichas na zona. Polo tanto, concluíuse que o incendio foi provocado por unha mala praxe por arroxar unha cabicha mal apagada no monte.

 

Na extinción actuaron 2 axentes, 5 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros. Dos feitos deuse comunicación ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.

 

Ademais, axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica con sede en Ourense, esclareceron un incendio producido o pasado 12 de maio no lugar de San Lourenzo, no concello de Porqueira, que afectou 2 hectáreas de terreo. 

 

Os axentes tomaron declaración a un home que estaba a talar unha árbore que caeu sobre uns cables do tendido eléctrico que percorre a zona. Na extinción do lume participaron 1 axente, 3 brigadas, 3 motobombas e 1 helicóptero e remitíronse as dilixencias sobre o acontecido ao Xulgado de Instrución de Garda de Xinzo de Limia.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 27 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. 

Data de actualización: 24/05/2022