A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu esta tarde no Congreso ao debate dunha proposición de lei sobre a actual protección da especie ao norte do Douro

Ángeles Vázquez insta ao Goberno central a 'reflexionar sobre o lobo, reconectar co rural e restaurar aos gandeiros' polos danos da súa decisión

Lamenta a “nula sensibilidade” do Executivo estatal co mundo rural e cos gandeiros que durante anos propiciaron e garantiron a protección do lobo ibérico en España

“Ninguén nos vai dar leccións de como protexer o lobo e non permitiremos que expulsen do territorio aos nosos gandeiros, porque eles son a mellor garantía medioambiental”, declarou a responsable autonómica

Advirte de que a pesar de que o Ministerio anunciou 20 M€ para paliar os danos do sector, 8 meses despois non enviou aínda “nin un só céntimo” ás comunidades

Madrid, 24 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, instou esta tarde ao Goberno central a “reflexionar” sobre a súa decisión de elevar o nivel de protección do lobo ao norte do río Douro sen ter en conta as consecuencias, emprazando neste sentido ás autoridades estatais a “reconectar co rural” e a “restaurar” economicamente aos gandeiros polos danos causados ao sector.

Despois de asistir no Congreso ao debate dunha proposición de lei pedindo que se saque o lobo da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), Ángeles Vázquez lamentou a oportunidade perdida para rectificar e devolver esta especie ao seu estado anterior debido ao rexeitamento da iniciativa parlamentaria por parte dos partidos que apoian ao Goberno.

Por iso, criticou a “nula sensibilidade co rural” que está a demostrar o Executivo central a pesar de que, recordou, “ese rural foi o que propiciou que España protexera durante moitos anos o lobo” grazas tamén á xestión da especie que realizaron en solitario as comunidades lobeiras.

Acompañada durante a súa intervención por Eugenia Requeijo, unha gandeira lucense que recolleu máis de 1.700 sinaturas na provincia para pedirlle ao Ministerio que rectificara sobre o lobo, a conselleira explicou que o sector primario tamén é primordial para garantir o futuro do medio rural e da biodiversidade porque son eles os que asumen no día a día un papel clave na xestión do territorio.

Deste xeito, considerou que “non se pode falar de medio ambiente se non hai xestión do territorio” e por iso advertiu de que “se non se pode propiciar ese equilibrio entre home e lobo”, na práctica estarase “expulsando” aos gandeiros do rural.

“Ninguén nos vai dar leccións de como protexer o lobo e non permitiremos que expulsen do territorio aos nosos gandeiros, porque eles son a mellor garantía medioambiental”, declarou Ángeles Vázquez.

Por iso, en presenza tamén do viceconselleiro de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio castelán leonés, Rubén Rodríguez, advertiu de que tanto Galicia como as outras tres comunidades lobeiras —Asturias, Cantabria e Castela e León— “seguirán xuntas e da man ata o final” co obxectivo de demostrar que a convivencia entre lobos e homes “é perfectamente compatible”, por máis que o Ministerio pretenda buscar “un enfrontamento entre a parte medioambiental e o resto”.

Ao respecto, Ángeles Vázquez lembrou que os catro gobernos autonómicos recorreron ante a Xustiza a orde estatal aprobada hai oito meses e pola que se incluíron todas as poboacións de lobo do país no Lesrpe, unha decisión que, na práctica, impide calquera medida de control sobre a especie e invade competencias autonómicas porque a xestión destes animais “lle pertence ás comunidades”.

Na mesma liña, a responsable autonómica salientou que en Galicia “o lobo goza de boa saúde” e hai “máis de 90 mandas”, cifras que demostran que a xestión realizada pola Xunta nos últimos anos funcionou.

Sen embargo, lembrou que desde a entrada en vigor da orde do lobo, as comunidades xa non poden seguir xestionando esta especie nos seus respectivos territorios polo que criticou a falta de “previsión económica” do Goberno central que a pesar de anunciar 20 millóns de euros para paliar os danos, oito meses despois non enviou aínda “nin un só céntimo” ás comunidades para compensar aos gandeiros polas reses que perden.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022