Galicia demanda acelerar o ritmo de investimento para cumprir cos prazos da Rede Transeuropea de Transporte

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico, celebrada en San Sebastián

Na sesión dedicada a como mellorar a accesibilidade e atractivo das rexións atlánticas, Jesús Gamallo interveu para valorar a revisión da Rede Transeuropea de Transporte que está agora a debate na UE, en especial sobre unha posible inclusión do Porto de Vigo na rede básica ampliada

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar realizará mañá unha presentación sobre os instrumentos financeiros existentes para favorecer unha economía azul sostible

A posible constitución dunha macro-rexión atlántica foi outro dos debates mantidos durante esta asemblea
 

San Sebastián (Guipúzcoa), 24 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

Varios representantes da Xunta de Galicia participan entre hoxe e mañá na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico (CAA), unha rede de cooperación que defende perante a UE os intereses de 14 rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España. Entre os debates mantidos, destaca o referido á política europea de transporte, na que a comunidade demanda “un mellor apoio ao transporte ferroviario e aos portos de todos os tamaños para poder acadar os obxectivos do Pacto Verde Europeo”.

 

Jesús Gamallo amosou nesta sesión a satisfacción galega porque a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Oporto e Vigo estea recollida dentro da rede básica na proposta de revisión da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), o que significa poñer prazo á execución do tramo na parte española (2030) e na parte portuguesa (2040).

 

O director xeral de Relacións Exteriores advertiu de que “tanto nesta conexión como no tramo de Corredor Atlántico que discorre por Galicia, e que se refire á mellora da rede para impulsar o transporte ferroviario de mercadorías, o ritmo de investimentos debería acelerarse para poder cumprir cos prazos e os altos estándares de calidade que esixe a RTE-T”. Estes investimentos supoñen melloras moi necesarias polo carácter periférico de Galicia e, en consecuencia, moi dependente das redes de transporte para poder acceder aos mercados do centro de Europa.

 

Tamén planteou a posibilidade de que a Rede Básica ampliada (a executar en 2040) inclúa tamén aos portos, de forma que se acelera a conectividade de portos como o de Vigo.

 

Reforzar a cooperación atlántica no eido da economía azul sostible

 

Na declaración política adoptada, as rexións atlánticas destacan que a conca marítima do Atlántico é un activo importante para a prosperidade de Europa, polo que “liberar o potencial dunha economía azul sustentable en cada rexión é esencial para mitigar o cambio climático”. Con este obxectivo, mañá dedicarase unha sesión á cooperación entre rexións neste eido no que a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, realizará unha presentación sobre os instrumentos financeiros que agora mesmo existen para potenciar a economía ligada ao mar, a innovación neste eido e garantir ao mesmo tempo o crecemento e a sustentabililidade das zonas costeiras.

 

Posible creación dunha macrorrexión atlántica

 

Tras anos de debate, España e Portugal apoian a creación dunha macro-rexión atlántica, que permita reforzar a cooperación política e económica das rexións atlánticas, máis aló da actual estratexia marítima que vén de renovar o seu plan de acción. Galicia apoia a creación desta macrorrexión a nivel europeo, baseándose na experiencia acumulada desde 2010 da macrorrexión informal RESOE, que agrupa a seis rexións españolas e portuguesas do Noroeste peninsular.

 

A declaración política adoptada hoxe solicita ao Consello da UE a que acelere o proceso de outorgar un mandato á Comisión Europea para crear unha macrorrexión marítima atlántica. Isto ha de permitir un maior impulso político e unha mellor coordinación dos proxectos a todos os niveis e en beneficios globais. 

 

Comisión do Arco Atlántico

 

A Comisión do Arco Atlántico é unha das seis comisións xeográficas da Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas. Con aproximadamente 60 millóns de habitantes, representa o 12% da poboación europea. As rexións atlánticas comparten un litoral atractivo, que garante unha alta calidade de vida e brinda grandes oportunidades a sectores como o transporte marítimo, as enerxías mariñas ou a construción naval. Pero este potencial tamén representa un desafío ambiental, social e económico, ademais de que a súa situación periférica representa un reto en termos de planificación do territorio e desenvolvemento económico. Galicia forma parte deste foro atlántico dende a súa constitución en 1989.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022