Lorenzana aposta por incorporar a perspectiva de xénero no punto de partida de todas as políticas co reto de consolidar a xeración da igualdade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela a xornada A incorporación da perspectiva de xénero ao réxime e ás actividades do sector público local

Avogou pola unión dos poderes públicos para atallar discriminacións e integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a importancia da unión dos poderes públicos para atallar discriminacións e integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade e avogou por que estes dous aspectos sexan o punto de partida para a planificación de todas as políticas co reto de consolidar “a xeración da igualdade”.

Na inauguración da xornada A incorporación da perspectiva de xénero ao réxime e ás actividades do sector público local, a titular autonómica indicou que mulleres e homes deben ter o mesmo protagonismo en todas as esferas da vida, en igualdade de condicións e oportunidades, e apuntou que a óptica de integración da perspectiva de xénero é clave para a busca de solucións en materia de emprego público, xestión de servizos, urbanismo ou seguridade, entre outros.

No acto, que estivo organizado pola Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Democracia e Goberno, Lorenzana referiuse aos programas que a Xunta de Galicia está impulsando en materia de igualdade no ámbito local, xa é o máis próximo ás necesidades e intereses da cidadanía e, por iso, o que mellor coñece as preocupacións e inquietudes para actuar contra as discriminacións e desigualdades que xurdan.

Así, puxo en valor, entre outros, o programa para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero nos concellos, dotado este ano con 1,4 millóns de euros; as axudas para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade con 1,4 millóns; e os apoios para a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a prevención e tratamento da violencia de xénero con 500.000 euros.

A conselleira tamén salientou o apoio da Xunta con 4,3 millóns de euros aos 84 Centros de Información á Muller (CIM), que tecen unha rede de protección e axuda ás mulleres en toda Galicia e lembrou que a Rede contra a Violencia de Xénero, froito dun convenio de colaboración asinado en 2012 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), está composto por 218 entidades locais “erixíndose como un instrumento que permite conseguir o rexeitamento social e institucional contra a violencia de xénero, sensibilizando á poboación e fomentando, á súa vez, modelos de convivencia baseados no respecto e na igualdade”.

Recordou, ademais, que no seo desta Rede naceron as mesas de coordinación interinstitucional para loitar contra esta lacra social para canalizar e coordinar os esforzos e recursos das diferentes administracións para a prevención da violencia machista. Na actualidade hai preto de 90 mesas constituídas (76 concellos e 12 mancomunidades).

Así mesmo, referiuse á colaboración “activa e continúa” que a Xunta mantén coas tres universidades galegas para concienciar aos máis novos sobre a importancia de acabar cos estereotipos de xénero e educar na “absoluta tolerancia”.

Plan estratéxico

Para rematar, a conselleira indicou que o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, que vén de aprobar o Consello da Xunta, dará máis relevancia á mellora da empregabilidade, o emprendimento e a eliminación da fenda salarial a través de instrumentos como o Plan Emprega Muller ou as diversas accións de sensibilización e formación para incidir na igualdade laboral entre o tecido empresarial.

O Plan, cunha vixencia de seis anos, conta cun orzamento histórico, 935,5 millóns de euros, para impulsar a igualdade de oportunidades en todos os eidos, con especial fincapé nos ámbitos rural e do mar, en concordancia coa nova Lei de igualdade autonómica e o novo Estatuto da muller rural e do mar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022