A Xunta incide en Culleredo na importancia de promover campañas para reforzar a incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada técnica Igualdade, prevención de riscos laborais e perspectiva de xénero

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a levar actuacións enfocadas a sectores cunha ampla presenza feminina como son redeiras, mariscadoras, percebeiras ou perruqueiras, entre outros

Compartir
  • whatsapp

Culleredo (A Coruña), 25 de maio de 2022.- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Culleredo na xornada técnica Igualdade, prevención de riscos laborais e perspectiva de xénero, organizada por Ibermutua en colaboración coa Xunta, onde destacou a importancia de promover campañas para que se reforce a incorporación da perspectiva de xénero á prevención de riscos laborais.

Explicou que é moi importante a prevención de riscos na maternidade e na lactancia, pero indicou que o enfoque de xénero debe ir máis aló avaliando o impacto dos axentes químicos, físicos, biolóxicos, os riscos psicosociais e ergonómicos e a organización do traballo desde a perspectiva feminina, xa que apuntou que os riscos teñen influencia nas mulleres e homes de maneira diferente polas características biolóxicas de cada sexo.

A Xunta por iso está a incidir este ano a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) na formación en prevención de riscos laborais desde unha perspectiva de xénero; e as actuacións que desenvolve están enfocadas a persoal traballador de sectores cunha ampla presenza feminina como son, entre outros, as redeiras, mariscadoras, percebeiras ou perruqueiras. Tamén está a realizar obradoiros de prevención en atención a domicilio e vén de realizar o primeiro estudo integral con enfoque de xénero para a prevención de riscos laborais e necesidades das mulleres embarcadas en buques pesqueiros, en colaboración coa Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar).

 

Para a Xunta é fundamental, entre outros aspectos, fomentar a presenza das mulleres nos órganos de participación especializada na prevención de riscos laborais; deseñar postos de traballo e elixir equipos adaptados contando coa participación de mulleres e homes; constituír grupos de traballo cun equilibrio entre persoas dos dous sexos; e propoñer medidas correctoras ou preventivas, segundo os riscos avaliados por mulleres e homes.

 

A Dirección Xeral de Relacións Laborais, dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten a dispor das persoas interesadas un documento con pautas para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais coa finalidade de abordar as diferenzas entre homes e mulleres no mundo laboral e dar coñecer os criterios científico-técnicos para o control dos riscos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022