A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense

Actúase nos accesos deste hospital público co fin de favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario

Os traballos realízanse en coordinación cos equipos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria

Executaranse novas beirarrúas, disporanse pasos peonís elevados e ramplas que faciliten os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas, ademais de zonas con pavimento podotáctil para as persoas con dificultades de visión

Mellorarase a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, ademais de habilitar áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos

As obras enmárcanse no contrato de mellora dos accesos aos hospitais públicos da provincia, que inclúe o edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e os hospitais de Verín e de Valdeorras, cun investimento conxunto de 455.000 euros

A Xunta segue avanzando nos traballos de inicio das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que suporán cun investimento de preto de 52,6 M€
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense (CHUO).

 

Trátase de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna deste hospital público, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario.

Os traballos no hospital universitario de Ourense buscan favorecer os desprazamentos a pé, para o que se inicia a execución das novas beirarrúas e ampliaranse as actuais, dispoñendo pasos peonís elevados e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas. Tamén na contorna do hospital público disporase pavimento podotáctil para facilitar a mobilidade das persoas con dificultades de visión.

 

As obras permitirán, ademais, mellorar a seguridade, reforzando a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, que permitirán tamén maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitaranse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos.

 

As intervencións no centro hospitalario tamén van dirixidas á mellora da seguridade e accesibilidade a través de itinerarios peonís cómodos e seguros, ademais da rehabilitación do firme nos lugares con maior deterioro e da renovación da sinalización.

 

Estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación, e están a executarse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios do Complexo Universitario Hospitalario de Ourense para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

As obras enmárcanse no contrato de mellora dos accesos nos hospitais públicos da provincia, co que a Xunta actuará tamén no edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás; e nos hospitais de Verín e de Valdeorras, sumando un investimento de 455.000 euros.

 

Ademais o contrato dá continuidade ás obras de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levadas a cabo con anterioridade no complexo hospitalario da cidade: no ano 2016, de urbanización dos accesos ao lateral este, coa execución de dúas novas vías, cun investimento de máis de 1,3 M€; e a mellora do firme e reordenación do espazo nos accesos principais aos 2 centros deste complexo, executadas en 2019, cun investimento de 47.000 €.

 

Ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense

A Xunta tamén segue avanzando nos traballos de inicio das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que suporán un investimento de preto de 52,6 M€.

 

As obras, cofinanciadas con fondos europeos FEDER, consistirán na construción dun novo edificio de hospitalización e na reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.

 

En total, vaise actuar sobre 33.000 m², dos cales máis de 19.000 serán de reforma e preto de 14.000 m² de nova construción, incrementando a superficie construída do hospital nun 11% ata superar os 136.000 m².

 

O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

 

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura.

 

Unha vez realizadas estas actuacións permitirán poñer á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.

 

Asactuacións forman parte do proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense e que prevé investimentos de 120 M€, tanto no eido hospitalario como na atención primaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022