A Xunta destina preto de 828.000 euros a financiar a contratación de 79 perceptores da Risga en 36 concellos ourensáns

O delegado territorial explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles experiencia e práctica profesional

Gabriel Alén incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 25 de maio de 2022. - A Xunta destina preto de 828.000 euros a financiar a contratación de 79 perceptores da Risga en 36 concellos ourensáns, que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.

Gabriel Alén, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional.

En canto á distribución das achegas, na comarca de Valdeorras, o Goberno galego destina 74023,56 euros para facilitar 6 contratacións en tres municipios: A Rúa (2), A Veiga (2), O Barco de Valdeorras (2).

Na comarca de Celanova a Xunta inviste 168943,68 euros para ocupar a 15 persoas beneficiarias da Risga en cinco administracións locais: Mancomunidade Terra de Celanova (5), Cartelle (2), Ramirás (2), Verea (2), Padrenda (2) e A Bola (2).

Ao Ribeiro, a Administración autonómica destina 160273,44 euros que benefician a 13 traballadores de sete concellos: Ribadavia (2), Cenlle (1), Leiro (2), Melón (2), Carballeda de Avia (2), Cortegada (2), Castrelo de Miño (2).

No Carballiño, a Xunta inviste 72831,96 euros na contratación de 7 operarios nos concellos de Maside (5) e Boborás (2).

Na comarca de Verín, o Goberno galego destina 73.628,10 euros para ocupar a 7 persoas beneficiarias da Risga en catro administracións locais: Castrelo do Val (2), Monterrei (2), Oimbra (2) e Vilardevós (1).

Así mesmo, con cargo a estas axudas autonómicas tamén se financiarán contratos nos concellos de Xinzo (5), Vilar de Santos (2), Sandiás (2), Amoeiro (1), Barbadás (2), Taboadela (2), Allariz (4), Maceda (2), Castro Caldelas (2), Montederramo (1), Xunqueira de Ambía (1), Muíños (2), Lobios (2), Pereiro de Aguiar (2), San Xoán de Río (2), Bande (2), Rairiz de Veiga (2), Mancomunidade Terra de Celanova (4), Vilamarín (1), Parada de Sil (2), A Teixeira (2), Baños de Molgas (2), Vilar de Barrio (2), Toén (2), Ourense (22), O Irixo (2) e A Pobra de Trives (2).

O importe da axuda que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.

O delegado territorial incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.

A Xunta inviste en toda Galicia case 7,7 millóns de euros en axudas destinadas á contratación de máis de 615 persoas perceptoras da Risga en preto de 180 concellos. O obxectivo é proporcionar ás persoas traballadoras destinatarias -mulleres e homes en situación ou risco de exclusión social- un contrato temporal que lles permita adquirir práctica profesional necesaria para facilitar a súa inserción laboral. Neste caso dáse cobertura aos gastos salariais totais derivados da contratación por un período máximo subvencionable de 9 meses e do 50% ao 75% da xornada.

Con esta medida, a Xunta persegue mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

O Goberno galego vén de reforzar a súa aposta polos colectivos prioritarios e está a desenvolver este 2022 tres actuacións específicas para eles por unha contía próxima aos 130 millóns de euros: O plan Emprega Muller, o Emprega Xuventude e o Emprega Discapacidade-Exclusión Social. Neste último insírense as axudas que veñen de resolvers4e destinadas a que as entidades locais contraten a persoas perceptoras do Risga.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022