A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá por videoconferencia na reunión do Consello Territorial de Servizo Sociais

Fabiola García asegura que as ideas sobre residencias do Goberno central son irrealizables ao encarecer e dificultar o acceso aos coidados para os maiores

Indica que a proposta é inasumible e o Goberno central non garante o financiamen-to necesario para levala a cabo

Lamenta que non foi consensuada nin co sector nin coas administracións compe-tentes, para quen tamén teñen estas medidas un importante impacto económico

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.- A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asegurou que as ideas sobre residencias presentadas polo Goberno central son irrealizables ao carecer de orzamento e encarecer e dificultar o acceso aos coidados para as persoas maiores. Así o sinalou esta mañá, cando participou por videoconferencia na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais sobre a redefinición do modelo de coidados.

 

A conselleira sinalou que a proposta estatal suporía unha importante perda de prazas e de postos de traballo no ámbito dos coidados, cando nestes momentos se necesita todo o contrario: máis servizos e máis prazas. Ademais, é un modelo discriminatorio cos centros situados no rural con respecto aos urbanos, situación na que se atopan un gran número de instalacións en Galicia.

 

Ademais, Fabiola García lamentou que o modelo do Executivo central carece de consenso co sector e coas administracións competentes, para quen ten un importante impacto económico. Neste senso, lembrou que o Goberno central non garante o financiamento necesario para levar a cabo estas propostas. Un financiamento que xa é de por si deficiente ao non cumprirse os límites legais establecidos pola Lei de dependencia, que sinala que o Estado e a Administración autonómica deben financiar a dependencia ao 50%. Na actualidade, dos 430 millóns destinados a este ámbito en Galicia, a Xunta financia o 70% e o Goberno central tan só o 30%.

 
 
 

Modelo de coidados galego

Pola súa banda, a conselleira destacou que Galicia seguirá a traballar no modelo de residencias realista e consensuado co sector impulsado pola Xunta. Un modelo que foi aprobado o pasado mes de decembro polo Parlamento de Galicia e que, a diferencia da proposta estatal, si aposta firmemente pola coordinación sociosanitaria.

 

Así mesmo, entre as medidas incluídas neste modelo autonómico, atópase a incoporación das vantaxes tecnolóxicas ao funcionamento diario dos centros; mellora da humanización das instalacións e a realización de reformas estruturais asumibles a través da creación de unidades de convivencia que garantan unha atención máis individualizada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022