A Xunta esixe ao Ministerio de Sanidade un maior compromiso coa formación sanitaria especializada

O conselleiro de Sanidade valora que o Ministerio amplíe o cupo de facultativos extracomunitarios do 4 ao 10%, pero considera que a medida non é suficiente

A Xunta agarda que o Ministerio valore todas as opcións posibles, incluído un posible axuste nas notas de corte

García Comesaña solicita poder cubrir este mesmo ano as 64 prazas que o Ministerio lle acreditou a Galicia para o 2023 na especialidade de médico de atención primaria

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, instou esta tarde ao Ministerio de Sanidade a adoptar todas as medidas posibles para poder acadar o total da cobertura das prazas MIR convocadas. Así, esixiu ao Ministerio un maior compromiso coa formación sanitaria especializada.

Tras a xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o conselleiro sinalou que “a Xunta de Galicia valora que o Ministerio amplíe o cupo de facultativos extracomunitarios do 4 ao 10%, aínda que a medida non é suficiente”.

Con todo, insistiu en que o Goberno central debe tomar decisións ante a delicada situación afrontan o conxunto das Comunidade autónomas, polo déficit de profesionais médicos, sobre todo na especialidade de Medicina Familiar y Comunitaria. Neste senso, indicou que “a Xunta agarda que o Ministerio valore todas as opcións posibles, incluído un posible axuste nas notas de corte”.

O titular da carteira sanitaria trasladoulle a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, que “a Xunta de Galicia valorará de forma positiva todas aquelas medidas que contribúan a que ningunha praza MIR quede sen cubrir”.

Sobre este particular, solicitou de novo que as 64 prazas de facultativo na especialidade de Atención Primaria, que o Ministerio lle acreditou a Galicia para o vindeiro ano 2023, sexa posible cubrilas no presente ano, tal e como pedira inicialmente a Consellería de Sanidade.

“Gustaríanos poder cubrir as 64 que temos acreditadas polo Ministerio, e que por mor da lentitude nos procedementos non foi posible incorporar este mesmo ano”, apostilou o conselleiro.

O máximo responsable da Sanidade galega, incidiu na necesidade de facer axustes nas convocatorias de prazas MIR de cara ao vindeiro ano, co ánimo de que o acontecido este año non volva a pasar. Así, reiterou que é preciso aumentar o número de prazas e, sobre todo, reformar o actual sistema de acreditación das unidades de formación.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 25/05/2022