O presidente da Xunta asistiu á xornada de clausura de Navalia no Ifevi

Rueda pide ao Goberno central concreción e obxectividade para converter o Perte do naval nunha oportunidade para un sector "clave para Galicia e que ten moito que achegar"

“Así llo trasladarei ao presidente do Goberno”, di, incidindo en que os estaleiros galegos son competitivos, saben captar investimentos e apostan pola internacionalización

Reitera o compromiso da Xunta con esta industria, reflectido no impulso da nova Estratexia Naval 2022-2026, elaborada en colaboración co sector

Constata o éxito de Navalia que, con 20.000 visitantes tras a pandemia, confirma que segue a ser unha das mellores feiras do sur de Europa

Vigo, 26 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu hoxe ao Goberno central concreción e obxectividade para converter o Perte do naval nunha oportunidade para un sector “clave para Galicia e que ten moito que achegar”. “Así llo trasladarei ao presidente do Goberno”, aseverou, incidindo en que os estaleiros galegos son competitivos, saben captar investimentos e apostan pola internacionalización.

 

Durante a xornada de clausura de Navalia no Ifevi, Rueda reiterou o compromiso da Xunta con esta industria, reflectido no impulso da nova Estratexia Naval 2022-2026, elaborada en colaboración co sector, co fin de potenciar o seu crecemento e a súa diversificación, a través da transformación dixital, a sustentabilidade e a formación.

 

Ao longo do acto, o titular da Xunta constatou o éxito de Navalia que, con 20.000 visitantes tras a pandemia, confirma que segue a ser unha das mellores feiras do sur de Europa, ademais de reflectir a competitividade desta industria.

 

“Galicia non se pode entender sen o naval e sen a calidade dos seus estaleiros”, concluíu, recordando que o naval galego supón o 3,5 % do PIB da Comunidade, unha facturación de máis de 2.000 millóns de euros e xera máis de 13.000 empregos directos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2022