A Xunta impulsa as políticas de emprendemento coa creación dunha nova Dirección Xeral dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe a toma de posesión da nova directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao

O novo órgano directivo asumirá a posta en marcha da Rede de Polos de Emprendemento de Galicia e o fomento da iniciativa empresarial

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022.- A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta desde hoxe coa nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego que permitirá impulsar as iniciativas empresariais e contribuír en Galicia á xeración de emprego de calidade. A conselleira, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o acto de toma de posesión da nova directora xeral, Margarita Ardao, celebrado nas dependencias administrativas de San Lázaro.

O novo órgano directivo reunirá e coordinará todas as competencias relacionadas co emprendemento empresarial, con servizos de apoio,  asesoramento e aceleración, co obxectivo de favorecer o crecemento e a consolidación do emprego en Galicia.

A nova dirección xeral integrará  a totalidade dos instrumentos que a día de hoxe existen ou están en proceso de creación, como por exemplo a Rede de Polos de Emprendemento de Galicia, que suporá a implantación de 12 polos distribuídos por toda a comunidade autónoma para realizar tarefas de avaliación de potencialidades de negocio en cada comarca. Tamén se ofrecerá asesoramento, orientación e titorización ao potencial emprendedor, con atención a quen inicia a súa actividade ou a quen desexa consolidala ou reorientala, así como espazos de coworking. A rede comeza a súa implantación este ano coa creación de catro polos, un en cada provincia.

Cos cambios anunciados no último Consello da Xunta e hoxe publicados no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade queda estruturada nos seguintes órganos superiores e de dirección: unha Secretaría Xeral Técnica; unha Secretaría Xeral da Igualdade; unha Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego; a Dirección Xeral de Relacións Laborais e a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2022