A Xunta inicia as obras dunha nova senda peonil na estrada OU-312 en Bubaces, no concello de Lobios

A actuación conta cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros

O obxectivo é mellorar o tránsito peonil neste núcleo de poboación habilitando un itinerario na marxe dereita da estrada, xunto ao río Caldo, entre os puntos quilométricos 6+540 e 6+900

A senda iníciase unha vez superada a ponte sobre o río Caldo, pola marxe dereita, e discorre a carón da estrada cunha anchura de 1,80 metros

A Xunta ten previsto prolongar este novo itinerario ata a senda de Torneiros

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue mellorando a rede viaria da Xunta para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños dun modo máis seguro e sustentable

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras para a execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica OU-312, no núcleo de  Bubaces, ao seu paso polo concello de Lobios.

 

As obras foron adxudicadas á empresa Explotacións Medioambientais SLU por máis de 48.000 euros.

 

O obxectivo das intervencións é mellorar o tránsito peonil, para o que se está a habilitar un itinerario na marxe dereita da estrada da OU-312, xunto ao río Caldo, entre os puntos quilométricos 6+540 e 6+900, que presenta neste tramo unha plataforma duns 5,5 metros con dous carrís, sen beiravías.

 

A senda iníciase unha vez superado a ponte sobre o río Caldo, pola marxe dereita, e discorre a carón da estrada cunha anchura de 1,80 metros. Para acadar esta anchura, executarase nalgúns tramos unha pequena escavación e reperfilado dos noiros existentes.

 

Nos primeiros 60 metros, a senda irá en pendente cara á estrada e no resto executarase con tipoloxía de senda-cuneta. Na intervención inclúense os sumidoiros e colector para permitir a recollida das pluviais e a comodidade de circulación aos peóns.

 

En actuacións posteriores, o departamento de Infraestruturas ten previsto prolongar este itinerario ata Torneiros.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños dun modo máis seguro e sustentable.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2022