A conselleira do Mar participou na xornada ‘Pesca Saúde’ e visitou as instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Galicia contará coa primeira aula formativa de España sobre pesca sostible na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira

A titular de Mar salientou que este novo contido formativo pretende chegar a todos os niveis educativos do centro e abarcará todo o proceso de captura dos recursos pesqueiros, desde que as embarcacións saen do porto ata o seu regreso a terra

A aula disporá de distintas seccións centradas en artes e aparellos, detección dos recursos, pesca sostible e responsable, conservación das capturas a bordo e cogobernanza da actividade extractiva

Compartir
  • whatsapp

Ribeira (A Coruña), 27 de maio de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, onde anunciou que o centro dependente da Xunta será o primeiro de España en contar cunha aula de pesca sostible. Neste sentido, explicou que se trata dun novo contido formativo que pretende chegar a todos os niveis educativos da escola e que abarcará todo o proceso de captura dos recursos, desde a saída de porto das embarcacións ata o seu regreso a terra.

Rosa Quintana detallou que esta aula -que está en proceso de deseño e dotación para tela operativa o antes posible- contará con cinco seccións para cubrir todos os eidos que teñen que ver coa actividade extractiva. A primeira delas é a de Tecnoloxía de materiais e pesca selectiva, que inclúe as prácticas de armado, lanzamento, mantemento e reparación de artes e aparellos e a solicitude de licencias, entre outras temáticas.

A segunda céntrase nas Tarefas de teledetección e ecodetección dos recursos, vía novas tecnoloxías, satélite, sonar, ondas e ecoondas, e a terceira no Proceso de pesca sostible e responsable, sobre como realizar unha actividade e xestión que permitan preservar os recursos. A cuarta aborda o Proceso de conservación, para asegurar a calidade das capturas, o movemento do recurso aos puntos de control en terra e o proceso de conxelación e ultraconxelado a bordo, entre outros aspectos.

A última desas seccións ten relación coa Cogobernanza e xestión responsable da actividade, un eido no que se formará ao alumnado na importancia do compromiso cos distintos axentes pesqueiros, do diálogo e da colaboración coas distintas administracións para un desenvolvemento axeitado da extracción dos distintos recursos.

A titular de Mar salientou que a creación desta aula de pesca sostible contribuirá a que o conxunto do sector marítimo-pesqueiro galego avance neste eido e a que a comunidade manteña o seu papel como referente en prácticas sustentables demostrando, tanto ante as institucións europeas como internacionais, o seu compromiso coa protección dos recursos e a conservación do medio ambiente.

Xornada ‘Pesca Saúde’

A visita ás instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira coincidiu coa participación da conselleira por videoconferencia na xornada Pesca Saúde, organizada pola Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad) coincidindo coa celebración do Día Nacional da Nutrición. Rosa Quintana salientou na súa intervención a relevancia de que toda a poboación inclúa os produtos do mar como un elemento básico da súa dieta e puxo de relevo o labor realizado pola Xunta desde o ano 2009 para promover o seu consumo facendo especial fincapé nos máis pequenos e na xente nova.

A representante do Executivo galego incidiu nos beneficios que ten para a saúde unha alimentación a base de peixes e mariscos e animou especialmente aos alumnos da escola de Ribeira a incluílos na súa dieta pois ten unha transcendencia especial que os profesionais do sector marítimo-pesqueiro sexan promotores e defensores do consumo dos produtos cos que traballan no seu día a día.

A titular de Mar tamén agradeceu o traballo realizado pola Fundación Dieta Atlántica e pola presidenta do seu comité científico, Rosaura Leis, na divulgación entre a cidadanía dos beneficios para a saúde de consumir peixes e mariscos. Ese agradecemento tamén o fixo extensible ao Concello de Ribeira e ao seu alcalde, Manuel Ruiz, por colaborar coa Consellería do Mar na organización de distintos eventos neste eido e polo seu apoio constante ao sector marítimo-pesqueiro local.  

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 27/05/2022