A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou na inauguración da ‘Xornada de debate sobre o impacto da nova Lei do ciclo integral da auga nos concellos’ organizada pola Cátedra de Dereito Local-Cátedra EMALCSA da UDC

Ethel Vázquez avanza que a Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor a finais do verán para mellorar a xestión dos servizos hidráulicos e a calidade das rías e dos ríos

Vázquez Mourelle destaca que os concellos poderán adherirse de xeito voluntario a este sistema para que Augas de Galicia asuma a explotación dos seus servizos da auga

Subliña que a lei contribuirá a evitar a chegada de augas brancas ás depuradoras, que estas funcionen mal ou haxa fugas nas redes municipais que chegan a acadar o 80%

Compartir
  • whatsapp

A Coruña, 27 de maio de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a nova Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor a finais do verán co fin de axudar aos concellos na xestión profesional deste recurso e reforzar a calidade das masas de auga, das rías e dos ríos.

 

Vázquez Mourelle participou na inauguración da ‘Xornada de debate sobre o impacto da nova Lei do ciclo integral da auga nos concellos’, organizada pola Cátedra de Dereito Local-Cátedra EMALCSA da Universidade da Coruña, onde abordou este marco normativo que se atopa agora en tramitación parlamentaria.

 

Puxo en valor o apoio aos municipios ao ofrecerlles un sistema voluntario ao que adherirse, para que sexa Augas de Galicia quen asuma a explotación dos seus servizos, ofrecendo unha xestión de calidade.

 

Así, indicou que se estenderá a todos os concellos da comunidade esta oportunidade de colaboración, que xa se está a levar a cabo en 28 municipios, nos que a Xunta xestiona as súas depuradoras.

 

Subliñou que a nova lei contribuirá a evitar a chegada de augas brancas ás depuradoras, que estas funcionen mal ou que haxa fugas nas redes municipais que nalgúns concellos acadan o 80%.

 

Fixo fincapé en que este modelo voluntario, a través desta lei, non supón incremento de tarifas nin imposición de ningún tipo.

 

Ademais a lei porá á disposición dos concellos que queiran xestionar os seus sistemas novas ferramentas: un programa de formación periódica e directrices que lle sirvan de guía, para que poidan acadar unha xestión eficiente.

 
Participación e transparencia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que nunca unha lei foi sometida a un proceso de transparencia, claridade e consultas tan amplo como esta.

 

Precisou que desde o pasado mes de xullo se organizaron presentacións, mesas técnicas e debates en diferentes foros nos que participaron representantes e técnicos das diferentes administracións e das empresas explotadoras dos servizos da auga.

 

A iniciativa estivo á disposición no Portal de Transparencia da Xunta e ampliouse ata en dúas ocasións o prazo para a presentación de suxestións. Incorporáronse, de feito, a cuarta parte das achegas recibidas.

 

Este procedemento de participación tivo como obxectivo outorgarlle á iniciativa o maior grao posible de lexitimidade e de implicación das partes afectadas.

 
Complexidade da xestión da auga

A conselleira remarcou a importancia dunha xestión profesional da auga, dado a complexidade desta tarefa.

 

A este respecto, acreditou a experiencia, a competencia e o coñecemento que teñen os técnicos de Augas de Galicia para analizar, planificar, executar e xestionar todas as infraestruturas relacionadas coa xestión da auga.

 

Lembrou que todo ese traballo, esa experiencia diaria, foi a que permitiu identificar con nitidez os problemas aos que temos que facer fronte e serviu de base para o impulso do proxecto de Lei de mellora do ciclo integral da auga.

 

Apuntou que a auga é un ben público cada vez máis escaso, pero imprescindible para a vida, polo que recordou que ante a actual situación de prealerta por seca cómpre reflexionar sobre o recurso limitado e o uso responsable. 

 
Suma de esforzos

Ethel    Vázquez recordou que o abastecemento, o saneamento e a depuración son servizos de competencia directa dos concellos, pero a Xunta sabe da dificultade técnica e económica que supón xestionar a auga, e por iso leva anos prestando o seu apoio aos municipios galegos.

 

A Xunta mobilizou nos últimos anos 1.100 millóns de euros en actuacións de saneamento e abastecemento, coas que o 90% das aglomeracións urbanas cumpren a directiva europea sobre depuración; o 76% das masas de auga das rías se atopan en bo estado; e os puntos de vertido clasificados como contaminantes pasaron do 40 ao 15%.

 

Neste sentido, a conselleira sinalou que tan importante como construír estas infraestruturas é que funcionen de xeito eficiente, profesionalizado. Concretou que ese é un dos aspectos nos que máis incide a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

 

Referiu que outras administracións, como as deputacións provinciais, teñen o deber de prestarlles axuda aos municipios, sobre todo aos máis pequenos, que son os que teñen maiores dificultades.

 

Citou ademais ao Ministerio de Transición Ecolóxica, que autoriza as infraestruturas hidráulicas que executa a Xunta, vitais para o saneamento das rías; e xestiona 3 das catro demarcacións hidrográficas existentes no territorio.

 

Incidiu en que na xestión integral do ciclo da auga é fundamental a coordinación, polo que chamou á suma de esforzos de todas as administracións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2022