A Xunta inicia as obras de mellora integral da seguridade viaria no cruce da PO-214 en Pontecesures con semaforización e bandas redutoras

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, supervisou os traballos de arranque desta actuación, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste 48.000 €, nunha visita á zona xunto ao alcalde, Juan Manuel Vidal

Os traballos consisten na sobreelevación do paso de peóns existente, a instalación da catro redutores de velocidade, unha banda transversal de alerta, cinco focos de semáforos, nova sinalización vertical e reposición de marcas viarias

Compartir
  • whatsapp

Pontecesures, 27 de maio de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de mellora integral da seguridade viaria no cruce da estrada autonómica PO-214, no núcleo urbano de Pontecesures, cunha actuación que contempla a instalación de semaforización, bandas redutoras e outras medidas cun investimento de máis de 48.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este mediodía o inicio destes traballos, que se completarán antes dos meses centrais do verán, nunha visita á zona xunto ao alcalde, Juan Manuel Vidal, e outros representantes municipais.

A actuación, proxectada para o cruce de entrada e saída de Pontecesures entre a N-550 e a estrada PO-214 en dirección a Baloira (A Estrada), abrangue un ámbito de actuación de 400 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+500 e foi adxudicada á empresa Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa SL.

As obras consisten na sobreelevación do paso de peóns existente, a instalación de catro redutores de velocidade, a colocación dunha banda transversal de alerta no carril esquerdo á altura do punto quilométrico 0+465 e a instalación dun completo sistema semafórico, dotado con cinco grupos de focos, á altura do punto 0+350.

Así mesmo, está previsto que se coloque nova sinalización vertical, se proceda á reposición das marcas viarias, se retranquee un báculo de iluminación pública e se constrúan novos sumidoiros na contorna das obras.

“Imos reforzar a seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns, nun punto estratéxico do tráfico de Pontecesures con esta actuación, que foi demandada polo Concello e que tamén foi detectada polos servizos técnicos de Infraestruturas. Vanse artellar sistemas que fomenten a circulación a velocidade reducida e tamén que melloren a regulación do tráfico para corrixir a falla de visibilidade nesta zona, especialmente no que se refire á incorporación de vehículos e á protección das persoas”, detallou o representante autonómico, que engadiu que a importancia da obra radica na proximidade do colexio público e de varias vivendas e a presenza de moita xente camiñando por esta contorna.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten prevista a habilitación de carrís alternativos de circulación e sinalización provisional dos desvíos e da situación das obras, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico durante as mesmas.

Deste xeito, a Xunta dálle continuidade á mellora da seguridade viaria e das condicións de circulación desta estrada PO-214 ao seu paso por Pontecesures, xa que hai dous anos xa construíu, cun investimento de case 50.000 euros, unha senda peonil de 210 metros na marxe dereita do treito urbano deste viario autonómico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/05/2022