Galicia participa no inicio da travesía náutica Xacobea 2022 que peregrinará a vela desde Cádiz a Portosín

A presidenta de Portos de Galicia estivo presente hoxe no acto de saída da ruta que percorrerá a costa atlántica e chegará a Galicia o 10 de xuño tendo Baiona como primeiro porto de recalada na comunidade

 Barbate (Cádiz), 28 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou esta mañá no acto de inicio da Travesía Náutica Xacobea 2022, a peregrinación a vela desde Cádiz a Galicia coa que o Executivo galego promociona o sistema portuario da comunidade e impulsa o turismo náutico na costa atlántica. A ruta, organizada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga), conta coa colaboración da Xunta de Galicia
-a través de Turismo de Galicia e Portos- e de Puertos de Andalucía.

A representante do ente público galego tamén participou onte na recepción dos participantes na travesía, que comezou esta mañá no porto de Barbate para peregrinar durante 17 xornadas por toda a franxa atlántica e completar arredor de 90 millas a vela co obxectivo de gañar o xubileo neste Ano Santo, tal e como recolle o convenio entre Asnauga e o Cabildo de Santiago de Compostela. A frota chegará a Galicia o vindeiro 10 de xuño, ao porto de Baiona. Nas seguintes xornadas continuará ata Portonovo e Ribeira ata recalar finalmente o día 13 de xuño en Portosín, desde onde os navegantes realizarán os últimos quilómetros a pé ata a Catedral de Santiago seguindo a ruta oficial do Camiño.

O obxectivo desta travesía é promocionar o sistema portuario galego como porta de entrada de peregrinos a Galicia co gallo do Xacobeo 2022 e consolidar estes tráficos como turistas náuticos nos vindeiros anos. Para esta fin, Portos de Galicia distinguiu xa no 2021 os peiraos deportivos da comunidade como portos xacobeos, lembrando que funcionan como enlace entre o litoral galego e os camiños oficiais de peregrinación a Santiago.

A presidenta de Portos de Galicia animou no acto inicial, no que tamén participaron representantes do Executivo andaluz, a todos os afeccionados á náutica de recreo a realizar calquera etapa desta peregrinación previa inscrición na web de Asnauga. Ademais, lembrou que ambas administracións autonómicas fretan unha embarcación oficial na que viaxará unha delegación de xornalistas europeos que vivirán a experiencia en primeira persoa para difundila nos medios de comunicación dos seus países.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 28/05/2022