A intervención na rúa Doadores de Sangue terá afección ao tráfico na súa primeira etapa polo que foi necesario coordinar o seu desenvolvemento coa actividade escolar da zona

A Xunta iniciará a vindeira semana as obras de urbanización da primeira fase do plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, cun investimento de case 910.000 €

Trátase de dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma deste complexo hospitalario

Para minimizar o impacto destes traballos no tráfico, as obras realizaranse en dúas fases, polo que os cortes serán acordes co tramo no que se actúa en cada momento

As obras comezarán o 1 de xuño, para o que será necesario un corte parcial do tráfico mantendo soamente un sentido de circulación de vehículos

A partir do 23 de xuño, xa sen actividade nos centros de ensino, acometerase o corte total ao tráfico rodado, habilitándose e sinalizándose os correspondentes desvíos

Construirase un novo acceso coa execución dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcadoiros en liña

A Xunta segue a traballar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que se destina un investimento que supera os 58 M€
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta iniciará esta vindeira semana a execución das obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que supoñen un investimento de case 910.000 euros.

Os traballos permitirán dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital, como lavandería ou restauración.

A intervención na rúa Doadores de Sangue, cun prazo total de execución de 8 meses, terá afección ao tráfico na súa primeira etapa, polo que foi necesario coordinar o seu desenvolvemento coa actividade escolar da zona.

Así, as obras comezará o 1 de xuño, cando se realizará un corte parcial do tráfico, mantendo soamente un sentido de circulación de vehículos.

O 23 de xuño e fará necesario un corte total ao tráfico rodado, habilitándose e sinalizándose os correspondentes desvíos.

A data prevista para a apertura do tráfico en condicións similares ás actuais prevese para principios de setembro. Máis adiante, realizaranse traballos que deberán executarse en coordinación coas obras da fase 1 do hospital, pero xa sen con menor afección ao tráfico.

O detalle das obras

En canto o detalle das tarefas, na execución do acceso tense en conta que debe ser compatible coa circulación actual, que se dirixe en ambos os sentidos ao longo da vía existente, polo que non se pode modificar o ancho da sección tipo, e manteranse as beirarrúas existentes, que serven de itinerario accesible.

Para isto, acometerase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña.

A nova vía de servizo, dada a cota de implantación do soto -2, suporá a modificación da cota de rasante actual da vía esquerda.

Os traballos consisten en realizar un desmonte ao lado esquerdo para adaptar a rasante do viario de servizo, xerando un muro de contención para a vía principal, que manterá a cota de rasante actual permitindo a circulación nas mesmas condicións que na actualidade.

Ademais, a actuación inclúe a reposición de servizos urbanos como o alumeado, a telefonía, o abastecemento, o saneamento, a liña eléctrica de media tensión e a condución de gas.

Esta actuación da Xunta súmase ás obras en execución desde comezos de maio de ampliación do aparcadoiro do Hospital Naval, que disporá a finais do verán do dobre de prazas de estacionamento, grazas a un investimento autonómico de 662.000 euros

Ao tempo, a Xunta segue a traballar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que se destina un investimento que supera os 58 M€. Esta aposta ten a súa maior expresión na ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol, na que se segue avanzar, a pesar das dificultades derivadas da pandemia da covid-19 e da crise de materiais.

Data de actualización: 29/05/2022