A Xunta abre o prazo para que os cidadáns poidan acceder a préstamos sen xuros para rehabilitar vivendas

Durante os 4 primeiros anos, o Goberno galego asumirá entre o 80% e o 100% dos xuros correspondentes en función dos ingresos económicos dos solicitantes

Este programa, que tamén ofrece outras condicións vantaxosas como a exención de comisións, disporá en 2022 dun orzamento de 400.000 €, o dobre que o ano pasado

A medida enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para axudar aos particulares a fomentar o ‘fermosismo’ no eido residencial

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os cidadáns poidan acollerse ao seu programa de préstamos con xuros subvencionados para financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas de uso residencial.

 

Tras a publicación da convocatoria destas axudas para a anualidade 2022, as persoas e comunidades de propietarios interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde hoxe e ata o vindeiro 1 de setembro.

 

A achega autonómica poderá chegar a ser do 100% dos xuros durante os primeiros anos de préstamo aínda que dependerá da situación económica de cada solicitante. Deste xeito, se a familia beneficiaria ten uns ingresos inferiores a 4 veces o IPREM, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá a totalidade dos xuros durante un período de 4 anos; e en caso de que se sitúen entre 4 e 5,5 veces o IPREM, a subsidiación será do 80% durante 3 anos.

 

Pola contra, se o titular acredita uns ingresos de entre 5,5 e 6,5 veces o IPREM ou ben se o solicitante é unha comunidade de veciños, non terán dereito a ningunha bonificación sobre os xuros aínda que si se beneficiarán das condicións vantaxosas que lles garante estes préstamos, como, por exemplo, a exención de comisións.

 

Para a concesión destas axudas en forma de subsidiación, a Xunta reserva unha partida de 400.000 euros, o dobre que en 2021. En todo caso e tendo en conta as achegas que farán os propietarios, a previsión é que grazas a esta medida se xere un investimento inducido de 5 millóns de euros en obras de rehabilitación de vivenda en Galicia.

 

Convenio do IGVS con entidades financeiras

Os préstamos son concedidos por entidades financeiras que teñen un convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo —Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank, Banco Sabadell e Deutsche Bank— para poder ofrecer aos solicitantes créditos nunhas condicións máis vantaxosas que as que atoparían no mercado.

 

Os propietarios teñen a posibilidade de acceder a un préstamo de ata 60.000 euros, no caso de ser con garantía hipotecaria, ou dun máximo de 30.000 euros se é con garantía persoal, que terán que devolver en, como moito, 180 cotas (15 anos). No caso das comunidades de propietarios, o importe límite do préstamo será de 20.000 euros por vivenda —o dobre que en 2021— e o prazo de amortización estenderase ata os 10 anos.

 

En canto ás actuacións de rehabilitación que se poderán acoller ao programa de préstamos cualificados, inclúense obras de mellora estrutural e construtiva, das condicións de habitabilidade e da eficiencia enerxética; adaptación á normativa sobre accesibilidade; adecuación do acabado xeral aos principios de boa construción; e, por primeira vez este ano, tamén obras de ampliación, sempre e cando estean vinculadas a proxectos de rehabilitación que supoñan unha mellora da habitabilidade, da eficiencia enerxética e/ou da súa accesibilidade.

 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo puxo en marcha esta iniciativa en 2017 e, desde entón, realizou cinco convocatorias nas que concedeu un total de 142 axudas económicas directas para subsidiación de xuros.

 

Estas axudas financeiras á rehabilitación residencial son compatibles con outros programas convocados pola Xunta co fin de apoiar aos cidadáns na promoción de obras e intervencións que contribúan á recuperación do patrimonio xa construído.

 

Así mesmo, o programa enmárcase na aposta da Xunta polo fermosismo a través do fomento de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos que poden causar os inmobles na contorna debido ao paso do tempo ou por unha conservación deficiente. De feito, na convocatoria deste ano establçecese que nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións deben seguirse os criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/05/2022