O Hipersector TIC supera os 25.900 traballadores e rexistra o maior incremento desde 2016

O número de empresas do Hipersector acada as 3.919 cun crecemento do 2,3% no último ano.

A suba de emprego no Hipersector TIC ven encabezada polo emprego feminino, cun forte incremento, do 6,9%.

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022.- O Hipersector TIC galego, integrado polo sector TIC e o sector de contidos pechou o ano 2021 con 25.930 traballadores, o que supón un incremento do 6,3% no último ano, o maior aumento desde 2016 e pon de manifesto a fortaleza e capacidade tractora do sector. Son datos recollidos no estudo “Galicia dixital. O Hipersector TiC en Galicia”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

 

Por sectores, o tecnolóxico conta con 20.740 traballadores, aumentando nun 7,2% no último ano. Pola súa banda, o sector contidos crece tamén (2,8%) recuperando parte do que perdera en períodos anteriores e sitúase nos 5.190 traballadores.

 

O Hipersector TIC aumenta o seu peso na economía galega

O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 10,5% no último ano e supera os 1.950 millóns de euros.

 

É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC supera os 1.700 millóns de euros, cun crecemento do 11% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 246 millóns de euros, cun incremento do 7,2%

 

A demografía empresarial é outra manifestación do fortalecemento do Hipersector TIC. Ao final do ano 2020, Galicia contaba cun total de 3.919 empresas que desenvolvían actividades no Hipersector TIC, consolidándose así, no quinto lugar do ranking nacional, cun crecemento do 2,3% no último ano.

 

Durante o 2020 prodúcese un incremento no número de empresas do Hipersector TIC en todas as provincias sendo  A Coruña e Pontevedra as que concentran a maior parte.

 
Exportacións

O Hipersector TIC exportou máis de 88 millóns de euros no ano 2020. Máis da metade (53,4%) das exportacións proceden do subsector “Fabricación de equipos de telecomunicacións”. No sector contidos, as exportacións por valor de máis de 8 millóns de euros, experimentaron un crecemento do 37,1%.

 

Ás importacións aumentaron nun 8,1%, con respecto aos datos do ano pasado, acadando case os 147 millóns de euros. No plano das importacións o 69,5% corresponden a “Fabricación de produtos electrónicos de consumo” e a “Fabricación de Equipos de Telecomunicacións”.

 

Distribución territorial do emprego e evolución da fenda de xénero

A nivel laboral destacan Coruña e Pontevedra como as provincias que concentran unha gran parte do emprego xerado polo Hipersector TIC, cunha porcentaxe total do 87,9% de traballadores. Atendendo unicamente ao sector TIC, o incremento do emprego en ambas provincias aproxímase ao 10%. No sector contidos hai un incremento xeneralizado do emprego nas 4 provincias galegas.

 

Por primeira vez desde 2016, o emprego feminino destaca cun forte crecemento do 6,9% por riba do masculino. Non obstante, as mulleres só representan un terzo do emprego do Hipersector TIC.

 

A innovación e a I+D no tecido empresarial galego

Os últimos datos recollidos na enquisa de innovación e I+D do INE mostran que 1.587 empresas galegas de 10 ou máis empregados realizaron algunha actividade innovadora no período 2018-2020, que representan o 22,5% das empresas galegas de 10 ou máis empregados. O número de traballadores en I+D a xornada completa en Galicia sitúase preto das 10.800 persoas.

 

O 8,4% das entidades galegas de 10 ou máis empregados compraron nova tecnoloxía, este porcentaxe supera o valor estatal (7,2%). Galicia consolídase como a sexta Comunidade Autónoma en número de empresas con actividades innovadoras.

 

A pesar dos datos comentados, existen diversos factores que dificultan a innovación das empresas, entre os que destacan a existencia doutras prioridades na propia empresa (46,2%) e, a consideración do elevado custo (24,3%).

 

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

Data de actualización: 05/06/2022