A Xunta promove a primeira campaña de 'Comedores responsables' en residencias de maiores de Galicia

Ata o vindeiro 31 de outubro, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria -dependente da Consellería do Medio Rural- impartirá formación e asesoramento aos responsables de cociña

A través deste programa beneficiaranse de diversas degustacións con produtos de calidade uns 600 residentes de diversos centros de maiores, tanto con xestión pública como privada

Pontevedra, 3 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presentou esta mañá na residencia pública autonómica de Campolongo a primeira campaña “Comedores responsables” en residencias de maiores de Galicia, co fin de impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos.

Así, ata o vindeiro 31 de outubro de 2022, impartirase formación e asesoramento aos responsables de cociña adheridos a este programa, co fin de que coñezan a importancia de consumir produtos locais e como poder identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade. Tamén se darán a coñecer as características nutricionais dos propios produtos e o impacto que supón o consumo de alimentos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. Outra ferramenta coa que se vai traballar é a xestión dos custos dos ingredientes nas receitas para poder ter maior control dos gastos na elaboración dos seus menús.

Por outra banda, José Luis Cabarcos anunciou que se celebrarán diversas degustacións de menús especiais con produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida e produtos ecolóxicos. Desta forma, engadiu, beneficiaranse aproximadamente 600 residentes no total dos cinco centros de maiores elixidos en toda Galicia, tanto con xestión pública como privada.

Neste senso, cabe indicar que os centro participantes -polo de agora- nesta primeira edición son a residencia Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa), a residencia Hermanos Prieto (Carballiño), a residencia de anciáns de San Marcos (Santiago de Compostela) e a residencia da terceira idade de Campolongo (Pontevedra).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 03/06/2022