Jacobo Aboal Viñas toma posesión como novo director da Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita á Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a toma de posesión de Jacobo Aboal Viñas como novo director da Axencia Galega da Industria Forestal, ente adscrito á Consellería do Medio Rural.

 

O titular de Medio Rural destacou a vinculación do novo director co sector forestal, dado que Jacobo Aboal ocupou diversos cargos dentro da Dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, destacando o de subdirector xeral de Recursos Forestais. Ademais, realizou estancias internacionais de coñecemento (Universidade de New Brunswick, Canadá) e entre outros labores participou na elaboración da Lei 7/2012 de montes de Galicia, do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e axudou a impulsar o sistema de certificación forestal nos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural. O conselleiro salientou ademais a profesionalidade e vontade de traballo de Aboal Viñas a prol dun dos sectores estratéxicos do rural galego.

 

Así mesmo, González puxo en valor a experiencia docente do novo director, que ten impartido diferentes cursos sobre o marco normativo forestal e relacionados con outros ámbitos da xestión forestal, todos eles na Escola Galega de Administración Pública. No apartado de publicacións, realizou preto dunha quincena de artigos e relatorios, tanto no eido galego como nacional e mesmo internacional.

 

Nado en Segovia en 1974, Jacobo Aboal é enxeñeiro técnico forestal e enxeñeiro de montes, titulado en ambas disciplinas pola Escola Politécnica Superior de Lugo, da USC. A maior parte da súa experiencia laboral estivo vinculada á Administración Forestal, tras un breve paso pola empresa privada, como técnico forestal.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 06/06/2022