A Xunta destaca a incorporación ao Sergas de 26 profesionais de enfermería especialista en saúde mental nos tres últimos anos

O Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 prevé a incorporación de 241 novos profesionais, dos que case un terzo serán especialistas en enfermería de saúde mental

Este persoal é fundamental para os programas de prevención do suicidio, as unidades de saúde mental ou os hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 7 de xuño de 2022 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá a III Xornada Galega de Enfermería de Saúde Mental. Durante o acto, salientou a importancia de traballar na prevención e na promoción dos hábitos saudables de saúde mental, co ánimo de evitar o desenvolvemento dun problema agudo.

Na xornada, celebrada esta mañá no Hospital Lucus Augusti, o titular do departamento sanitario da Xunta destacou a incorporación de 26 profesionais desta especialidade ao Servizo Galego de Saúde, nos últimos tres anos. Así, apuntou que o persoal de enfermería especializado en Saúde Mental é fundamental para levar a cabo os programas de prevención do suicidio, así como para o axeitado funcionamento das unidades de saúde mental ou dos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil.

García Comesaña incidiu en que é preciso apoiar, visibilizar e sobre todo traballar na prevención dos problemas de saúde mental. Neste senso, apuntou que o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, prevé a incorporación de 241 novos profesionais, dos que case un terzo -66-, serán especialistas en enfermaría de saúde mental.

“Ata o momento contratamos á metade dos profesionais previstos -120-, e deles, 26 son profesionais da enfermería especialista en saúde mental”, desgranou o conselleiro.

Entre outras medidas, nos últimos anos a Xunta de Galicia leva posto en marcha catro hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil, o último deles, precisamente no Hospital Público de Lugo. Con todo, o obxectivo é acadar que cada unha das áreas sanitarias conte coa súa propia unidade especializada, e dotala dun equipo de profesionais integrado por persoal de psiquiatría, psicoloxía, enfermería de saúde mental e traballo social.

Ademais, durante o presente ano, a Xunta completará a implantación de senllas unidades de prevención do suicidio nas sete áreas sanitarias que integran o Servizo Galego de Saúde. Así, todas elas contarán con persoal de enfermería especializado en Saúde Mental.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 07/06/2022