A Xunta aposta polo impulso da intelixencia artificial para axilizar os procesos e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou esta mañá o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración

Na súa intervención, destacou a importancia da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2023

A proposta de regulamento da Unión Europea sobre IA, a seguridade na aplicación das novas tecnoloxías ou o respecto aos dereitos fundametais dos cidadáns son outros dos asuntos que se abordarán
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, que reunirá durante dous días en Santiago a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos para analizar a implantación dos sistema de IA no ámbito público.

 

Na inauguración, Sonia Rodríguez-Campos estivo acompañada polo director do curso, o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid e avogado, Carlos Lema Devesa, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado.

 

A directora do organismo fixo especial fincapé na transcendencia da IA, que permitirá axilizar os procesos da Administración pública e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos. “A intelixencia artificial está chamada a transformar a Administración tal e como a coñecemos”. E engadiu que “temos a oportunidade de implantar novos sistemas que melloren a vida da cidadanía, que impulsen a nosa competitividade e permitan unha rápida recuperación trala pandemia”, afirmou.

 

Ademais, a directora da Escola destacou a importancia da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2030, a cal prevé que esta tecnoloxía mellorará o modelo de relación das administracións cos cidadás e permitirá convertir o gran volume de datos que manexa o sector público nun activo para optimar os servizos públicos prestados e mellorar a fiabilidade na toma de decisións.

 

Por último, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o uso da intelixencia artificial tamén supón riscos significativos, que poderían ser incompatibles cos dereitos fundametais dos cidadáns. “Refírome á opacidade, aos riscos na toma de decisións, á imprevisibilidade ou ao comportamento parcial dos sistemas”. Neste sentido, lembrou que se está a tramitar unha proposta da Comisión Europea de Regulamento sobre IA, que prevé o establecemento dun marco xurídico sólido e flexible.

 

Trala súa intervención, o curso contou coa participación dos catedráticos de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, e da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora.

 

Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, tratará no seu relatorio sobre a relación entre a intelixencia artificial e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves da intelixencia artificial e o control da Administración local: auditoría algorítmica.

 

Programa do 10 venres

A segunda xornada do curso arrincará o venres coa intervención do catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense, Carlos Lama Devesa, e a investigadora da Universidade de Vigo, Sara Louredo Casado, que falarán da intelixencia artificial e o dereito de propiedade industrial.

 

A continuación, o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, Carles Ramió Matas, participará co relatorio sobre a intelixencia artificial na Administración Pública.

 

O ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Becarría, clausurará o curso ás 13.00 h. cunha intervención sobre a intelixencia artificial, o Dereito e a Administración.

 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/06/2022