O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, destacou estas cifras na súa visita a dous soutos no Incio

A Xunta pon en valor o Plan estratéxico do castiñeiro co que se prevé plantar ata o 2025 unhas 3.500 hectáreas para froito e outras 2.000 para madeira

José González explicou que este programa contempla un investimento público e privado de case 22 millóns de euros ata o 2025 e que ten como obxectivo global recuperar unhas 8.000 hectáreas de soutos e plantar outras 16.000 máis, para a produción de madeira e de froito, no horizonte de 2040

Compartir
  • whatsapp

O Incio (Lugo), 10 de xuño de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor o Plan estratéxico do castiñeiro, co que se prevé plantar ata o 2025 un total de 3.500 hectáreas desta especie para froito e 2.000 máis para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 hectáreas de soutos. Precisamente, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe dous soutos no concello do Incio, un deles recuperado polo Goberno galego e outro no que está previsto intervir proximamente.

 Sobre o devandito Plan do castiñeiro, o titular de Medio Rural explicou que contempla un investimento público e privado de case 22 millóns de euros ata o 2025, co obxectivo global de recuperar unhas 8.000 hectáreas de soutos e plantar outras 16.000 hectáreas máis, para a produción de madeira e de froito, no horizonte do 2040, coincidindo co período de execución do Plan Forestal de Galicia, “cara a neutralidade carbónica”.

 

Cinco eixes de intervención

O programa, engadiu González, establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros en Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención. Estes están centrados na planificación e seguimento da produción, a transferencia de información dende as entidades investigadoras e o apoio ao sector viveirístico, para garantir a subministración de planta, o fomento de recursos e aproveitamentos, o impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, a mellora da competitividade das empresas.

 

O conselleiro indicou tamén que, a través destas medidas, búscase involucrar a todos os axentes implicados no sector. É dicir, a Administración, os axentes económicos e sociais comarcais, os grupos de desenvolvemento rural, os viveiros, os produtores forestais e os representantes do tecido empresarial transformador e comercializador, para acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro. A maiores, González remarcou que a superficie actual de castiñeiro en Galicia supera as 49.000 hectáreas, cunha produción media nos últimos anos próxima aos 20 millóns de quilos e un valor duns 20 millóns de euros pagados aos produtores e de 50 millóns de euros en produtos transformados.

 
Loita biolóxica fronte a avespiña

Tamén en relación co castiñeiro, conselleiro enxalzou o éxito no asentamento nos soutos galegos do parasito Torymus sinensis, empregado desde o 2015 para o control biolóxico da praga da avespiña. Así, salientou que, unha vez analizados preto da metade dos puntos de recollida de mostras de bugallas tras as soltas de 2021, recuperáronse máis de 3.300 exemplares de Torymus, o que xa supera todo o recollido nas mostras de 2020 (3.158) e supón máis do dobre do que se recuperou en todo o período 2016-2019 (1.400 individuos).

 

O titular de Medio Rural trasladou que, con estas cifras, esta primavera (entre abril e maio) soltáronse 1,2 millóns de individuos de Torymus sinensis. Estas soltas -para as que se consignou un orzamento de preto de 1,7 millóns de euros- realizáronse en masas continuas de castiñeiro, concentrando así o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas.

 

Cómpre sinalar que desde o ano 2015, no que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 5,7 millóns de individuos de Torymus por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento da Xunta superior aos 8 millóns de euros. A estas cifras hai que sumarlle o previsto neste exercicio, que elevará o orzamento conxunto a preto de 10 millóns e o número de parasitos soltados aos 7 millóns  

 
Restauración forestal

Por outra banda, nesta visita ao Incio o conselleiro supervisou tamén diversas obras de restauración forestal en zonas afectadas por incendios, algunhas delas xa rematadas e outras en marcha, na contorna da aldea modelo de Trascastro. Así, destacou que estas actuacións abranguen arredor de 70 hectáreas de terreo, cun investimento que supera os 400.000 euros.

 

Do que se trata con estes traballos, segundo González, é de recuperar o potencial forestal, coa corrección dos desequilibrios hidrolóxicos ocasionados na cabeceira dos cursos de auga, tras o deterioro do solo polo lume, e incrementar a protección das masas creadas. En concreto, de maneira conxunta contémplase reforestar unhas 26 hectáreas, rexenerar máis de 8 hectáreas, actuar en preto de 3 hectáreas de faixas de xestión da biomasa e facer pastos en máis de 32 hectáreas. Ademais, melloraranse máis de 12 quilómetros de vías existentes e crearase un punto de auga para carga de helicópteros e outro para vehículos contra incendios, xa en terreos do veciño concello de Samos, así como unha boca de auga (hidrante) para vehículos contra incendios.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 10/06/2022