A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou telematicamente na Conferencia sectorial para a Axenda 2030

A Xunta ultima unha ferramenta para analizar o avance en Galicia da axenda 2030 e pona á disposición do Goberno central para enriquecer a súa folla de ruta

Ángeles Vázquez salienta que xa se elaboraron dous informes de diagnóstico sobre os logros acadados na Comunidade e na actualidade estanse a revisar os indicadores

O Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 elaborado pola Xunta recolle entre os seus fitos deseñar o futuro da Comunidade poñendo no centro do debate o reto demográfico, a innovación e a calidade humana

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 A Xunta ultima unha ferramenta para analizar o avance dos obxectivos da Axenda 2030 e afianzar a “óptima posición” de Galicia para o seu cumprimento, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa participación telemática na Conferencia sectorial para a Axenda 2030.

 

Logo de valorar que moitas das áreas do Goberno galego xa están a traballar na consecución dos Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), a conselleira fixo fincapé na dificultade que supón avaliar o cumprimento da Axenda 2030 nun territorio, xa que que a ONU non fixa valores a acadar polos indicadores. “A Axenda 2030 é una folla de ruta universal, de modo que algunhas metas son de aplicación exclusivamente global e desde Galicia debe matizarse a súa aportación á consecución da mesma”, incidiu Ángeles Vázquez.

 

Así mesmo, a conselleira puxo á disposición do Goberno central todos os traballos desenvolvidos na Comunidade, incluída a referida ferramenta, de cara ao próximo deseño do Sistema integral de coherencia de políticas para o desenvolvemento sostible, a folla de ruta a seguir polo Estado nesta materia.

 

Os obxectivos que busca o informe da Axenda 2030 na Comunidade son coñecer as metas fixadas pola ONU en canto a desenvolvemento sostible; identificar oportunidades de mellora e render contas á cidadanía.

 

Nesa liña, a Xunta xa ten elaborado dous documentos de diagnóstico sobre esta materia e na actualidade estanse a revisar os indicadores. No primeiro informe, realizado en 2018, estudou o avance da Comunidade para 77 metas das 169 propostas pola ONU e abarcou os 17 ODS, propoñendo un total de 161 indicadores. No caso da segunda análise, abordou a evolución de Galicia para 60 metas, abarcou os mencionados 17 obxectivos e propuxo un total de 164 indicadores.

 

A conselleira puxo en valor que a elaboración deses informes permitiu un traballo transversal entre os diversos departamentos do Goberno galego. De feito, no ano 2019 a Xunta creou a Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030 e, ao seu abeiro, creáronse tres grupos de traballo para estruturar e coordinar as iniciativas nos ámbitos ambiental, económico e social.

 

A maiores, o Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 elaborado pola Xunta identifica moitos dos obxectivos dos ODS, polo que, segundo aseverou a conselleira, “non só é un instrumento para alcanzar as metas da Axenda 2030, senón que a súa avaliación tamén se fará en clave desa axenda”. Entre os fitos deste documento destaca o de deseñar o futuro da Comunidade poñendo no centro do debate o reto demográfico, a innovación e a calidade humana.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2022