A Xunta amosa a riqueza forestal de Galicia e a súa experiencia na loita contra os incendios a expertos chilenos que colaboran na mellora xenética do piñeiro

Os directores xerais de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Axencia Galega da Industria Forestal recibiron esta mañá aos especialistas do país suramericano, que tamén coñeceron o Centro de Coordinación de loita contra os incendios forestais en San Lázaro

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

Os expertos forestais chilenos Fernando Dopellmann e Miguel Ángel Peredo continuaron hoxe co programa da súa estadía dun mes en Galicia como colaboradores na elaboración da estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata en Galicia. Máis concretamente, ambos especialistas mantiveron cadanseu encontro cos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

 

O responsable de Planificación e Ordenación Forestal explicoulles os principais contidos e o alcance do Plan Forestal de Galicia, así como as diferentes iniciativas nas que traballa o Goberno galego para impulsar a mellora xenética forestal. Tamén lles deu conta das medidas encamiñadas a desenvolver a estratexia de dixitalización e descarbonización dos montes galegos, nas que está a traballar a Consellería do Medio Rural.

 

Tras este encontro, os expertos chilenos tiveron a oportunidade de coñecer o Centro de Coordinación Central de loita contra os incendios forestais de Galicia, onde recibiron as explicacións a cargo dos seus técnicos e do propio director xeral de Defensa do Monte sobre as funcionalidades e a operatividade destas instalacións.

 

Finalmente, os expertos desprazáronse ata a sede da Axencia Galega da Industria Forestal, para manter unha reunión co seu director, Jacobo Aboal. O encontro xirou arredor do inventario forestal continuo de Galicia e sobre o impulso da axenda forestal galega, eidos que está a impulsar esta axencia, dependente da Consellería do Medio Rural.

 

Fundación Arume

A estadía en Galicia dos dous expertos forestais chilenos forma parte do conxunto de actividades que a Xunta está realizando ao abeiro co convenio asinado coa Fundación Arume o pasado mes de setembro de 2021.

 

O documento, que estende a súa vixencia ata este ano 2022, pretende impulsar o sector forestal galego dun xeito sustentable mediante o reforzo do persoal de investigación, da posta en marcha de programas e accións de colaboración e da oferta de cursos, seminarios ou obradoiros divulgativos e comporta un orzamento total de 200.000 euros, dos cales 140.000 son aportados pola Xunta. Unha das temáticas do acordo ten que ver coa mellora xenética do piñeiro radiata en Galicia, ámbito no que ambos técnicos chilenos son especialistas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 13/06/2022