A Xunta destaca que os 54 proxectos que xa participaron en High Tech Auto avalan o compromiso co talento e a dixitalización desta incubadora

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación da cuarta edición da iniciativa, á que se poderán presentar candidaturas ata o 21 de setembro

Subliña que este programa contribúe á competitividade do sector da automoción a través da transferencia de tecnoloxía a toda a cadea de valor

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 14 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe na presentación da cuarta edición da High Tech Auto, destacou que os 54 proxectos que xa participaron nesta incubadora avalan o compromiso co talento e a dixitalización da iniciativa. Algúns destes proxectos xa conseguiron acordos con empresas consolidadas como Vodafone, Recalvi ou Dolbi, e ademais, constituíronse 14 empresas e creáronse 8 prototipos.

 

Conde, que subliñou a colaboración entre o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Fundación Incyde e a Xunta de Galicia, apuntou que este programa contribúe á competitividade do sector da automoción a través da transferencia de tecnoloxía a toda a cadea de valor, sinalando que, xunto coa Business Factory Auto, son dous focos de emprendemento tecnolóxico claves para esta industria en Galicia.

 

O vicepresidente primeiro apuntou que esta incubadora forma parte do ecosistema de innovación que rodea o sector galego da automoción, e remarcou a necesidade de apostar por este sistema porque, segundo incidiu, é o que dá valor engadido a esta industria e o seu gran aval.

 

Con este aval, salientou o responsable de Economía, Industria e Innovación, Galicia presentouse á convocatoria do Perte que o Goberno aprobou para o sector cun proxecto liderado por Grupo Stellantis, AutoÁncora. O vicepresidente económico da Xunta de Galicia salientou que poder acceder aos fondos europeos supón unha garantía de futuro para a industria da automoción en Galicia, e pediu que se recoñeza o esforzo que o sector galego da automoción vén facendo desde hai moito tempo para consolidarse como un referente nacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/06/2022