A conselleira do Mar, acompañada polo responsable do Servizo de Gardacostas de Galicia, asistiu a un simulacro de loita contra a contaminación mariña na Illa de Sálvora

Galicia pon a proba o plan de continxencias das Illas Atlánticas nun exercicio de loita contra a contaminación na costa de Sálvora

O suposto consiste na localización dunha mancha oleaxinosa na entrada da ría de Arousa que deu lugar á activación e coordinación de distintos plans de continxencia e ao despregue de medios de resposta estatais e autonómicos

Rosa Quintana destacou o traballo dos efectivos galegos que participan neste simulacro e subliñou que o Plan Camgal facilita a axilidade nas actuacións de loita contra a contaminación mariña e contribúe a minimizar o seu impacto
 

Ribeira (A Coruña), 14 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor o traballo dos efectivos da comunidade autónoma galega que participan nun exercicio de loita contra a contaminación mariña que se desenvolve hoxe nunha praia da Illa de Sálvora e no que tamén participan medios estatais. O suposto consiste na localización dunha mancha oleaxinosa na entrada da ría de Arousa que deu lugar á activación e coordinación de distintos plans de continxencia e ao despregue de medios de resposta estatais e autonómicos coa finalidade de avanzar na cooperación interadministrativa e dos distintos plans dos subsistemas mariño e terrestre que compoñen o Sistema Nacional de Resposta.

No caso de Galicia, o plan que se testa é o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia, Plan Camgal, no que se enmarca o plan de continxencias nesta materia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. En relación con esta ferramenta, a titular de Mar destacou que facilita a axilidade nas actuacións de loita contra a contaminación mariña e contribúe a minimizar o seu impacto.

Nesta liña, Rosa Quintana puxo de relevo a importancia da prevención e a preparación fronte a episodios de contaminación mariña e de contar con instrumentos específicos para zonas de alto nivel de protección ambiental como o plan de continxencias das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais a conselleira subliñou a utilidade deste tipo de exercicios para mellorar a planificación e as operacións de emerxencia ante episodios de contaminación mariña.

Medios da Xunta

Por parte da Xunta de Galicia participan neste exercicio as consellerías do Mar, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social e tamén a Axencia Galega de Emerxencias. Comprobando o desenvolvemento do exercicio tamén están o subdirector de Gardacostas de Galicia e director do Plan Camgal, Lino Sexto; o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

A Consellería do Mar participa neste simulacro coas embarcacións Punta Roncadoira e Sebastián de Ocampo. Esta última encargarase, entre outras funcións, de lanzar a boia de predición de deriva da mancha do sistema de predición do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) que ten como obxectivo coñecer o efecto das correntes mariñas na deriva do suposto vertido.

Tamén se conta coa colaboración dos centros de recuperación de fauna de Cerdedo-Cotobade e Oleiros que, coa colaboración da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), recollerán e atenderán as especies que se poidan ver afectadas pola suposta mancha. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda encargarase de garantir un tratamento axeitado tanto da recollida como da xestión dos posibles residuos existentes.

A maiores, persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, supervisado polo seu director, José Antonio Fernández-Bouzas, realizou labores de apoio durante toda a xornada. O Plan Camgal tamén abarca tarefas de coordinación e formación de voluntariado que poden xurdir en casuísticas coma esta e nelas colabora a Consellería de Política Social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/06/2022