Galicia mobilizará este ano 400 M€ a través da Axenda Financieira da Xunta co obxectivo de contribuír á reactivación económica e á mellora da competitividade do tecido empresarial

Incide en que o documento se configurará a través de tres liñas e distintas medidas que suman un total de 135,5 millóns, reforzando o capital e os fondos propios das empresas, facilitando o acceso a instrumentos de débeda e ofertando garantías para favorecer a obtención de crédito

No eido do capital póñense en marcha, entre outros, o programa de Transformación Empresarial, que combinará financiamento e consultoría estratéxica para o impulso de proxectos de internacionalización e reforzo da competitividade
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou da avaliación por parte do Consello da Xunta da Axenda Financeira 2022, “unha folla de ruta con diferentes programas de apoio ás empresas que suman 135,5 M€ e cos que agardamos triplicar a mobilización público-privada ata chegar aos arredor de 400 M€".

A este respecto, explicou que para acadar esta meta Galicia conta con distintas medidas englobadas en tres liñas de actuación: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.

Deste xeito, a Axenda Financeira recolle investimentos directos na procura de reforzar o ámbito financeiro das empresas galegas, contribuíndo á reactivación da economía galega e á mellora da competitividade do tecido empresarial. 

Así, no eido do capital póñense en marcha, dixo, entre outros, o programa de Transformación Empresarial. Conta cun orzamento de 30 millóns e combina financiamento e consultaría estratéxica incidindo no impulso de proxectos de internacionalización e no reforzo da competitividade a través da dixitalización e a innovación, o financiamento de proxectos de integración, a mellora de produtos e procesos, a profesionalización de equipos directivos e a reestruturación das sociedades.

En segundo lugar, a Axenda Financeira da Xunta de Galicia incorpora a concesión de préstamos para afrontar as posibles débedas do tecido empresarial galego. Así, contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír un de carencia.

Así mesmo, incorpóranse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia. Neste caso, as contías oscilan entre os 300.000 euros e o millón, contando tamén os tipos de xuro con bonificacións de ata o 1,5%.

Préstamos que inclúen axudas directas

O Goberno galego, a través do Igape, dependente da Vicepresidencia primeira, pon en marcha un ano máis os IFI Innova, que permiten financiamento de proxectos innovadores de pequenas e medianas empresas, con contías de entre 50.000 e 500.000 euros. Ademais, o tecido empresarial ten a súa disposición préstamos parcialmente reembolsables que, cun orzamento de 22 millóns, combinan o endebedamento e axudas para acometer un investimento determinado. Co obxectivo de acadar unha mobilización final de máis de 36M€, neste caso o beneficiario recibirá un préstamo como forma de apoio para poder acometer un investimento. No caso de executar en tempo e forma o proxecto de investimento para o que se solicite dito investimento, e de cumprir coas condicións para beneficiarse da axuda directa, unha parte do préstamo convértese en non reembolsable.

A terceira liña de actuación da Axenda Financeira oriéntase á concesión de garantías, onde destacan os programas de avais e de reavais do Igape. O primeiro conta con preto de 4 millóns para cubrir ata o 70% do risco da operación de financiamento á que se desexe acceder.

No caso dos reavais, en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, destínanse máis de 10 millóns de euros a garantías para acceder a capital circulante, a investimentos empresariais ou a operacións de tráfico nacional ou internacional. Neste campo, cómpre destacar unha liña específica de avais activada para atender ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/06/2022