A Xunta destina 400.000€ en apoio a seis proxectos de acción humanitaria no exterior

A resolución da convocatoria de axudas deste ano apoia iniciativas de seis organizacións non gobernamentais en Mozambique, O Salvador, Kenia, Marrocos, Honduras e na franxa de Gaza

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022 A Xunta destinará 400.000 euros a financiar seis proxectos de acción humanitaria no exterior, tal e como se recolle na resolución da orde de subvencións deste ano da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE destinada a paliar as consecuencias ante as crises provocadas por seres humanos ou desastres naturais, así como reforzar a capacidade de resposta ante estas situacións.

 

Ao igual que na convocatoria do ano pasado, os proxectos das organizacións non gobernamentais beneficiarios das axudas e que se executarán neste ano tamén contribuirán a aliviar os efectos da covid-19, en especial nos países nos que os sistemas de saúde e o seu contexto económico dificulten poñer freo á pandemia.

 

As entidades beneficiarias desta orde son as organizacións non gobernamentais Farmacéuticos Mundi, Médicos do Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, EntreCulturas Fé e Alegría, Solidariedade Internacional de Galicia e o Movemento pola Paz e o Desarme.

 

Os proxectos subvencionados permitirán levar a cabo intervencións en Cabo Delgado (Mozambique) para mellorar o acceso e a calidade aos servizos básicos de saúde da poboación afectada pola crise humanitaria no distrito de Montepuez. No caso do Salvador levaranse a cabo medidas coas que fortalecer a atención e protección integral a persoas en situación de vulnerabilidade por violencia, desprazamento forzado ou procesos de mobilidade humana. En Kenia, porase en marcha unha iniciativa co obxectivo de prestar atención integral á poboación refuxiada en asentamentos en Nairobi nun contexto de emerxencia de saúde pública e naturalización da violencia de xénero. Tamén se desenvolverá unha resposta ante secas recurrentes e a covid en seis comunidades do municipio de San Marcos Colón Choluteca, en Honduras. E na Franxa de Gaza prestarase atención médica de emerxencia a persoas feridas pola violencia.

 

Enténdense por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises, así como a previr e reforzar a capacidade de resposta cando se produzan estas situacións.

 

Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do IV Plan director da Cooperación Galega, prorrogado no 2022, no que se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos. Igualmente, o Plan anual 2022 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/06/2022