A Xunta organiza en Bergondo unha acción de formación profesional e adquisición de competencias no emprego de drons no sector agroforestal e agricultura de precisión

O curso terá lugar do 23 ao 30 de xuño e levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre o manexo de drons no sector agroforestal e agricultura de precisión. O obradoiro darase ao longo de 5 días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os días 23 e 30 de xuño en horario de mañá dende as 9:00 ás 14:00 horas.

O curso abordará aspectos básicos no emprego de vehículos aéreos non tripulados e os diferentes usos que poden ter no sector agroforestal. Así mesmo, tratarase a agricultura de precisión, cunha introdución nos métodos, equipamentos e aplicacións así coma os sistemas de uso e a análise das vantaxes e futuro deste tipo de tecnoloxías no sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende dar a coñecer aos alumnos os distintos tipos de drons e vehículos aéreos non triupulados e as súas aplicacións agroforestais, e que saiban empregalos nun sector no que este tipo de tecnoloxías teñen gran importancia. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira. Así mesmo, o taller tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude galega.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal.

Data de actualización: 17/06/2022