O presidente da Xunta participou no encontro cos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME)

Rueda destaca o compromiso da Xunta co apoio aos retornados a través de liñas de axudas que suman máis de 5,5 M€ de investimento

A Xunta ofertará o vindeiro curso 250 bolsas BEME, 50 máis que nesta edición, ante o aumento de solicitudes

O Goberno galego conta con varios programas para impulsar que galegos no exterior regresen a estudar e traballar á comunidade ou para fomentar o emprendemento entre os retornados
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o compromiso da Xunta cos galegos no exterior que desexan retornar á Comunidade a través de diferentes liñas de axudas que suman máis de 5,5 millóns de euros de investimento. O titular do Goberno galego, que asistiu a un encontro cos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) en Santiago, destacou que as medidas postas en marcha pola Administración galega para apoio ao retornado permitiron que 25.000 persoas volvesen a Galicia desde 2018.

 

Nun acto con bolseiros da última convocatoria do programa BEME, Rueda subliñou a importancia desta iniciativa que desde o 2017 permitiu que 1.150 mozos galegos que viven no exterior ou descendentes de galegos regresasen á Galicia para estudar un mestrado. O presidente agradeceu aos asistentes que aposten por un futuro en Galicia e destacou que estas bolsas supoñen “unha oportunidade” para que os mozos completen a súa formación e regresen “á súa terra”, pero tamén unha oportunidade para a Comunidade xa que a chegada de profesionais novos e de alta cualificación “supón unha vía para facer fronte ao reto demográfico e permitirá mellorar a competitividade do tecido empresarial”.

 

Ante o aumento da demanda deste tipos de bolsas -na convocatoria de 2021 houbo o dobre de solicitudes (470) que de prazas (200)- a Xunta incrementou de cara ao vindeiro curso 2022-2023 o número de beneficiarios ata os 250, medio centenar máis que a última edición.

 
 
 

Un total de 200 mozos procedentes de 19 países obtiveron unha bolsa BEME na convocatoria de 2021. Deles, 25 son galegos que emigraron fóra da comunidade e os 175 restantes son fillos, netos, bisnetos ou tataranetos de emigrantes galegos. A idade media dos bolseiros desta última convocatoria foi de 29 anos e Arxentina, España, Venezuela, Brasil, Uruguai e Cuba foron os países de orixe con máis beneficiarios.

 
 

Ademais do programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior, a Xunta conta con outras axudas para facilitar o retorno dos galegos no exterior como unha liña de achegas para aqueles que regresen á Comunidade para emprender, dotada de 1,5 millóns de euros no 2021 e que desde 2013 permitiu dar apoios a 500 iniciativas emprendedoras. Ademais, os retornados poden optar a axudas para facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Galicia, unha liña que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

 

Unha serie de medidas que fomentan o retorno de galegos que emigraron fóra da comunidade e que permiten encarar o problema do reto demográfico que vive Galicia e o resto do país. Para reverter esta situación, a Xunta conta con outras iniciativas como a Tarxeta Benvida ou a gratuidade das escolas infantís para todos os rapaces a partir do vindeiro curso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/06/2022