A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde, Jaime Sousa

A Xunta avalía co Concello de Cartelle a tramitación do seu Plan Básico Municipal

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2022 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avaliou co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, a evolución da tramitación do Plan básico municipal (PBM) do concello.

 

Este municipio está á espera de varios informes de organismos sectoriais afectados para ser aprobado definitivamente logo de ter superado xa catro das cinco fases das que consta o procedemento.

Cómpre lembrar que se trata do cuarto concello galego cun PBM aprobado inicialmente e o segundo en ser sometido a información pública na provincia de Ourense, pasos importantes de cara a dotarse dun marco urbanístico propio, no que se delimitan 59 núcleos rurais e dous núcleos urbanos: Outomuro e Cartelle.

 

Segundo a Lei do solo de Galicia, os PBM son instrumentos de ordenación urbanística que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento xeral de planificación propio.

 

A maiores, a conselleira e o rexedor tamén analizaron a evolución das obras que se están a acometer no concello con cargo ás axudas do 2022 do Instituto de Estudos do Territorio para a corrección de impactos paisaxísticos. A Xunta destinou preto de 40.000 euros á rehabilitación da fachada da escola da Seara e do lavadoiro Fontegrande.

Data de actualización: 18/06/2022