A Xunta realiza actuacións de prevención de incendios no distrito XIII Valdeorras-Trives cun investimento de 110.000 euros

As accións preventivas consisten na mellora de cortalumes e pistas forestais de montes de Castro Caldelas, Montederramo, Manzaneda, A Pobra de Trives, A Rúa e Carballeda de Valdeorras

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Rural está executando traballos preventivos dentro do distrito forestal XIII Valdeorras-Trives que consisten fundamentalmente na mellora de pistas, cortalumes e rozas.

 

Así, tamén se colocarán pasos de auga con canalización dos regatos e actuarase en cinco quilómetros de pista, co fin de facilitar o acceso e tránsito dos medios de extinción ao monte. O comezo das intervencións estase a realizar nos cortalumes de Plantío e Serra de abaixo, correspondentes á parroquia de Tronceda, no concello de Castro Caldelas.

 

Estas medidas preventivas realízanse en zonas localizadas estratexicamente. Neste sentido, nas áreas cortalumes rozarase a vexetación existente para interromper a continuidade da vexetación na zona e mellorar así as liñas de defensa. Para iso, lévanse a cabo actuacións de limpeza mecanizada en 147 hectáreas de cortalume, actuando na matogueira de distintas alturas, e tamén se procederá ao arranxo de cunetas.

 

Estes traballos enmárcanse dentro do Plan preventivo que contempla un investimento de case 32 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación en toda Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 18/06/2022