O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro co alcalde para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán

A Xunta e o concello de Laza estudan a posibilidade de crear unha agrupación forestal de xestión conxunta para plantación de castiñeiros

Dita explotación localizaríase no lugar de Barbeito de Cerdedelo e ocuparía unha superficie aproximada dunhas 200 hectáreas de terreo

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde do concello de Laza, José Ramón Barrealo, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas relativas ao agro da veciñanza deste municipio ourensán. Así, analizaron a posibilidade de crear unha agrupación de xestión conxunta no lugar de Barbeito de Cerdedelo para dedicar preto de 200 hectáreas de terreo á produción de castiñeiros.

 

O conselleiro trasladoulle ao rexedor que precisamente se acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento destas agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. Unha orde que está aberta todo o ano, matizou o titular de Medio Rural.

Así mesmo, José González trasladoulle que estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos: a mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable, a súa recuperación e impedir o seu abandono; favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta; servir como instrumento para a conservación do medio ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas. Tamén pode ter como finalidade a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático; ou a creación de emprego endóxeno. Por transcender estes fins e obxectivos o interese exclusivamente particular, poderá declararse de interese xeral a xestión conxunta realizada polas agrupacións forestais.

Unha vez recoñecida a agrupación, explicou González, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, tendo a agrupación a posibilidade de acceder ao seu arrendamento. Ademais, tal e como se recolle na orde publicada no Diario Oficial de Galicia, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupación de xestión conxunta, nos casos en que as especiais dificultades para a posta en valor e as condicións do monte así o aconsellen.

Cesión de masas comúns

Noutra orde de cousas, o conselleiro e o alcalde abordaron a posibilidade de ceder ao concello a titularidade duns predios situados en zonas de concentracións parcelaria, co fin de dedicalos a fins de interese xeral.

 

Neste senso, José González trasladou que despois da firmeza de acordo dun proceso de reorganización, os concellos poden solicitar a cesión da titularidade de fincas do Fondo de Terras (masa común) para equipamentos colectivos ou outros fins que beneficien aos veciños do lugar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 19/06/2022