A Xunta oferta 69 prazas en cincos proxectos de FP Dual na Mariña lucense, unha modalidade de plena empregabilidade

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destaca que dous dos proxectos son novos respecto do curso pasado

O prazo de presentación de solicitudes abre o vindeiro xoves 23
 

Ribadeo (Lugo), 20 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Formación Profesional, Jose Luis Mira, destacou hoxe a nova oferta de ciclos formativos para a comarca da Mariña lucense que, con 69 prazas novas en FP Dual, “supón unha gran oportunidade para o acceso ao mercado laboral dos máis novos”, indicou. A este respecto lembrou que no recente estudo de Inserción Laboral, “a taxa de inserción do alumnado de FP é dun 84,6%, que se incrementa no caso dos titulados en FP Dual ao 96,8%, é dicir, plena empregabilidade”.

 

No marco da xornada Coñece a Formación Profesional da Mariña, celebrada no Cine Teatro de Ribadeo, o representante da Xunta explicou que nesta comarca abren matrícula un total de cinco proxectos de FP Dual. Dous deles, o de Mecatrónica industrial, no instituto Perdouro de Burela, e o de Instalacións eléctricas e automáticas, no CIFP Porta da Auga de Ribadeo, son novos respecto ao presente curso.

 

A relación de ciclos de FP Dual que abren a matrícula para o curso 2022/23 na Mariña é a seguinte:

Concello
Centro
Ciclo
Prazas
Burela
IES Perdouro

CS Mecatrónica industrial                             

13
Foz
IES de Foz
CS Dirección de cociña
12
Foz
IES de Foz

CS Dirección de servizos de restauración

20
Ribadeo
CIFP Porta da Auga

CM Instalacións eléctricas e automáticas

12
Ribadeo
CFEA Pedro Murias

CM Aproveitamento e conservación do medio natural

12
 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o modelo galego de FP, “un modelo sólido, cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio, que nos últimos anos se ten caracterizado por lograr consolidar proxectos modernos e innovadores e por avanzar nunha FP que é útil, tanto para a formación das persoas como para o desenvolvemento da sociedade galega”, dixo.

 

“Estes avances son froito do traballo exemplar do profesorado de FP, dos directores dos centros que imparten estas ensinanzas, dos dinamizadores de FP, das empresas colaboradoras e, por suposto, do alumnado, que amosa día a día o seu talento”, engadiu.

 

Neste sentido, o director xeral explicou que o Goberno galego, a través da Estratexia Galega FP Galicia 2030, está a traballar “para seguir conformando unha oferta de FP flexible e adaptada aos intereses do alumnado e ás demandas do tecido produtivo, reforzar a colaboración co tecido empresarial e prestar especial atención ao rural, promovendo unha oferta formativa adaptada ás súas particularidades”.

Data de actualización: 20/06/2022