A Xunta pon en valor o dinamismo da economía social galega e a súa feminización no encontro mundial do cooperativismo celebrado en Sevilla

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe nun panel sobre boas prácticas na economía social no marco do encontro mundial do cooperativismo celebrado en Sevilla

Compartir
  • whatsapp

Sevilla, 21 de xuño de 2022 A secretaría xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, puxo en valor hoxe no encontro mundial Cooperativas: el momento es ahora, o dinamismo que a economía social está a demostrar en Galicia nos últimos anos. Tal e como lembrou, a comunidade foi pioneira á hora de lexislar no eido autonómico sobre a materia e lidera o crecemento en canto a número de cooperativas constituídas en 2021, cun 51% de promotoras mulleres. 

 

A representante da Xunta participou hoxe en Sevilla, xunto a máis de 600 persoas -entre elas a homólogos doutras comunidades, representantes do Goberno central e doutros países, e de diferentes empresas de economía social- no encontro mundial do cooperativismo organizado pola Alianza Cooperativa Internacional (ACI) e a Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado (Coceta).

 

A economía social é unha forza chave no mercado laboral galego, onde representa o 7% do PIB e encaixa cos valores e principios que caracterizan aos galegos, polo seu carácter emprendedor e o xeito de se relacionar coa contorna, indicou Toca. En Galicia están rexistradas neste momento máis de 7.000 entidades e empresas da economía social. En 2021, a pesares da situación pandémica, creáronse 174 novas iniciativas.

 

España foi o primeiro país en abordar unha lexislación específica en economía social hai dez anos. Galicia foi a primeira e a única comunidade, ata o día de hoxe, en realizar á súa adaptación á normativa autonómica para incorporar a este marco as particularidades do territorio e da economía galega, aspecto que a secretaria xeral puxo en valor en Sevilla, nunha mesa sobre boas prácticas na que participaron representantes autonómicos.

 

A economía social, tal e como subliñou Toca, vén mostrando un gran dinamismo na comunidade galega nos últimos anos, que ten rexistrado o maior crecemento en canto ao número de novas cooperativas creadas. Entre 2007 e 2020, o crecemento medio de Galicia foi do 9% fronte ao 1,5% estatal. O peso das iniciativas galegas no conxunto estatal pasou no mesmo período do 2,9% ao 7,3%.

 

As políticas públicas están a funcionar, tal e como remarcou a secretaria xeral, quen subliñou que na actualidade hai máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes, ao supor case o 51%.

 

A secretaria xeral lembrou que a 1ª Estratexia Galega da Economía Social 2019-2021 mobilizou en tres anos máis de 89 millóns de euros, e conseguiu superar as expectativas tanto na creación de entidades como na xeración de emprego. Conseguiu ademais reducir nun 60% -ata os 44 días- o tempo necesario para constituír novas iniciativas.

 

A Xunta está a traballar xa na nova Estratexia, tal e como anunciou Toca, que seguirá a apoiar o crecemento da economía social na comunidade. Dará continuidade á Rede Eusumo, un instrumento de traballo colaborativo que Covadonga Toca puxo como exemplo de boas prácticas que que cumpre este ano unha década de traballo centrado na información, o asesoramento e o acompañamento ás entidades da economía social.

 
Novas convocatorias

O Goberno galego, ademais, convocará nas próximas semanas os programas Bono Consolida e ES-Transforma cos que a Xunta está a axudar con 3M€ en total á xestión e modernización das entidades e garantirá a transformación de negocios en fórmulas de economía social para mellorar a súa competitividade e asegurar o relevo xeracional.  

 

Proximamente porase en marcha tamén o programa ES-Factory de aceleradoras de emprendemento, que orientará e acompañará ás persoas promotoras de proxectos empresariais; e o ES-Próxima,  que permitirá crear n selo de identidade de economía social co obxectivo de promover as vantaxes deste modelo de negocio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/06/2022