A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acompañada do delegado da Xunta en Lugo visitou hoxe o municipio

A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei invisten máis de 1,1 M€ na habilitación dunha nova área de ocio no marco do Plan Hurbe

A nova área localizarase nunha parcela de 2.688 m2 e contará con dúas piscinas ao aire libre e un centro para bicicletas de montaña

Ángeles Vázquez lembra que, entre 2010 e 2021, o Goberno galego colaborou xa no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos cun investimento global que supera os 155 M€

Compartir
  • whatsapp

Outeiro de Rei (Lugo), 21 de xuño de 2022 A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei investirán algo máis de 1,1 M€ na habilitación dunha nova área de ocio no marco do plan Hurbe, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, logo de asinar o convenio de colaboración co alcalde, José Pardo.

 

A nova área localizarase nunha parcela de 2.688 m2, nas inmediacións de Santa Isabel, e contará con dúas piscinas ao aire libre ¾unha de uso infantil e outra para adultos¾, e un centro para bicicletas de montaña. A maiores, construirase unha edificación polivalente, que podería albergar unha cafetería, e haberá zonas destinadas a usos complementarios. A Xunta achegará o 70% do orzamento previsto e o concello o 30% restante.

 

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, incidiu en que esta nova colaboración entre Xunta e Concello fai posible que as obras das futuras instalacións se vaian licitar ao longo deste ano e se leven a cabo en 2023 e lembrou que, na última década, o Goberno galego cooperou xa no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos cun investimento global que supera os 155 millóns de euros.

 

Nesa liña, o proxecto presentado en Outeiro de Rei enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta no ano 2010 co fin de axudar ás entidades locais a executar actuacións destinadas a crear, mellorar e integrar coa contorna espazos de uso público e equipamentos urbanos.

 

Neste sentido, cómpre subliñar que o Goberno galego mantén o seu compromiso á hora de brindar apoio aos concellos para promover proxectos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da veciñanza. De feito, este ano ten reservada unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros para este obxectivo.

 

Ademais, 2022 está a ser un ano clave na rehabilitación, xa que Galicia dispón de máis fondos que nunca para a recuperación do xa construído e a posta en valor das vilas e dos centros históricos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/06/2022