A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª sobre o recurso do Estado contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023

A Xunta lamenta a insistencia do Goberno central no seu ataque contra o sector marisqueiro galego e os seus preto de 9.000 profesionais

O Executivo galego censura a decisión do Executivo estatal de recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o plan do marisqueo para o período 2021-2023, un fallo que ratifica un por un todos os argumentos defendidos pola comunidade

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro considera totalmente arbitraria e inxustificada a actitude do Estado, que rexeita un sistema que funciona perfectamente desde hai máis de 30 anos, que é competencia exclusiva de Galicia e que nunca antes fora recorrido pola Administración central

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022 A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, lamentou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que o Goberno central insista no seu ataque contra o sector marisqueiro galego ao recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que lle dá a razón a Galicia na xestión do seu marisqueo.

O fallo do tribunal ratifica un por un todos os argumentos defendidos pola comunidade na defensa do Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o trienio 2021-2023, o que supón, salientou a representante da Consellería do Mar, unha vitoria do sector marisqueiro galego ante un ataque totalmente arbitrario e inxustificado do Executivo do Estado. Este asunto, expuxo, é especialmente importante tendo en conta que afecta a preto de 9.000 profesionais do sector, entre os que faenan a pé ou desde embarcación.

Susana Rodríguez subliñou que o sistema de aprobación dos plans xerais de explotación marisqueira leva funcionando perfectamente desde hai máis de 30 anos e que a súa derrogación xeraría un baleiro legal na xestión e explotación dos recursos marisqueiros da comunidade pois eliminaría as regras que garanten unha actividade ordenada, sustentable e respectuosa co medio ambiente.

Ata o ano pasado, engadiu a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o Goberno galego tramitou e aprobou os plans de explotación sen que a Administración central puxese ningunha tacha ou solicitase informes preceptivos ao respecto, algo que pretende facer agora coa presentación do recurso xudicial.

A representante do Executivo galego subliñou que a sentenza do TSXG constata que este procedemento é un ataque máis do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico contra Galicia e o seu sector marítimo-pesqueiro, porque a ningunha outra comunidade autónoma se lle exixiu o informe preceptivo que se lle reclamou a Galicia. Ademais fixo fincapé en que a Xunta cumpriu e cumpre estritamente coa lexislación e seguirá defendendo os intereses do sector fronte a un procedemento xudicial que supón xogar co seu futuro.

 

Susana Rodríguez lamentou que o Executivo estatal abordase esta cuestión sen diálogo e tratando de impoñer o seu criterio invadindo as competencias exclusivas de Galicia en materia de marisqueo. Neste sentido, salientou que non é o primeiro ataque deste tipo contra o complexo mar-industria de Galicia, pero incidiu en que no caso do marisqueo está a poñer en cuestión un modelo que é exemplo de xestión responsable e cogobernanza da actividade pois conta coa participación activa dos profesionais do sector.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 21/06/2022