Galicia traslada a Namibia a súa vontade de manter e reforzar as relacións comerciais no eido marítimo-pesqueiro

A Xunta salienta que a presenza no país de empresas como Iberconsa mediante alianzas con firmas namibias ten un efecto tractor ao impulsar a economía local coa xeración de emprego e riqueza

O Executivo galego destaca tamén a colaboración co Goberno namibio en materia de investigación coa finalidade de mellorar o coñecemento sobre as especies pesqueiras comerciais e a avaliación do ecosistema

Rosa Quintana pon a Iberconsa como exemplo do bo facer do tecido empresarial galego, que aposta constantemente pola innovación para mellorar a súa competitividade e afrontar os retos de futuro
 

Vigo, 21 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou hoxe ao ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Derek James Klazen, na súa visita á fábrica que Iberconsa Seafood Processing ten no porto de Vigo, onde puxo de relevo as importantes relacións comerciais e de negocios existentes entre Galicia e Namibia desde hai décadas, especialmente no eido marítimo-pesqueiro, e a transcendencia de mantelas e reforzalas en beneficio das dúas partes.

A titular de Mar salientou que hai importantes empresas galegas -como Iberconsa- asentadas no país africano e lembrou que a súa actividade, en alianza con firmas namibias, ten un efecto tractor fundamental que contribúe a impulsar a economía local mediante a xeración de empregos e riqueza. Neste sentido, incidiu en que a presenza galega en territorio namibio pode favorecer que compañías doutros sectores decidan buscar oportunidades de negocio no país e realizar novos investimentos.

A representante da Xunta tamén lembrou que a colaboración entre as administracións galega e namibia é sólida desde hai décadas en eidos como a investigación, o que favoreceu o desenvolvemento das zonas costeiras do país. Nesta liña, explicou que as dúas partes traballan conxuntamente no coñecemento das especies pesqueiras comerciais da zona e na avaliación do estado do ecosistema.

Un exemplo deste traballo conxunto, detallou, é o proxecto NatMIRC, que rematou hai uns meses e que permitiu reforzar os procesos de análise na xestión dos datos de comportamento dos recursos pesqueiros, mellorar a capacidade de avaliación dos stocks e fortalecer o diálogo entre investigadores, industria e Administración mediante a posta en marcha de accións de divulgación científica.

Nesta iniciativa -que contou cunha aportación económica da Consellería do Mar de 300.000 euros e que se desenvolveu entre 2018 e 2021- o Centro Tecnolóxico do Mar actuou de coordinador e contou co apoio técnico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Rosa Quintana subliñou ademais que máis dunha ducia das principais pesqueiras galegas operan en Namibia desde hai anos -é un dos caladoiros tradicionais da frota- e que o sector marítimo-pesqueiro copa máis do 90% das relacións comerciais, polo que defendeu a necesidade de aproveitar as sinerxías existentes e avanzar nos contactos para a chegada de novas empresas ao país que contribúan a reforzar o seu desenvolvemento económico.

Iberconsa

As instalacións de Iberconsa Seafood Processing que visitou a delegación namibia están operativas desde o ano 2020 tras un investimento de 15 millóns de euros e nelas traballan arredor de 150 empregados. Trátase dunha das factorías dun grupo que controla todos o elos da cadea de valor dos produtos do mar, desde a captura ata a elaboración e transformación pasando tanto pola distribución como pola comercialización do produto ao consumidor final.

Iberconsa é unha das principais empresas pesqueiras de España, conta con fábricas en distintos países, como Namibia, e cunha frota integrada por medio cento de buques pesqueiros dotados das últimas tecnoloxías para a detección dos recursos e equipamentos de transformación a bordo dos máis eficientes do mundo.

Por iso, a conselleira do Mar puxo a esta empresa como exemplo do saber facer do tecido empresarial galego, que aposta continuamente pola innovación para mellorar a súa competitividade e afrontar os retos de futuro. Neste sentido, incidiu que o crecemento destas empresas en Namibia derivará na creación de riqueza e emprego na súa contorna impulsando o desenvolvemento das zonas costeiras e do conxunto do país.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 21/06/2022