O conselleiro do Medio Rural participou na inauguración do Congreso internacional sobre extensión rural e planificación agraria en Lugo

A Xunta pon en valor a Lei de recuperación da terra e a futura norma da calidade alimentaria para xerar riqueza no rural apostando pola sustentabilidade e o valor engadido

José González lembrou que xa están executándose no marco da Lei de recuperación case unha vintena de aldeas modelo e máis dunha decena de polígonos agroforestais, e promovéndose outras figuras como as agrupacións de xestión conxunta

Ao tempo, avánzase na tramitación da Lei da calidade alimentaria, para priorizar -xunto coa calidade- a diferenciación, a transformación e a comercialización en beneficios das nosos produtores e produtoras

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 22 de xuño de 2022 A Xunta pon en valor a Lei de recuperación da terra agraria e a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia para xerar riqueza no rural e fixar poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración do Congreso internacional sobre extensión rural e planificación agraria que arrancou hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Un Congreso no que tamén participarán a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que tras un intenso traballo a Lei de recuperación non só está permitindo facer fronte ao despoboamento mediante a revalorización da terra, senón que serve para garantir que Galicia continúa sendo motor de calidade. Nesa liña, recordou que xa están implementándose case unha vintena de aldeas modelo -que representan preto de 525 hectáreas en case 8.600 parcelas de 2.200 propietarios- e máis dunha decena de polígonos agroforestais, ao tempo que se promoven outras figuras de posta en valor como as agrupacións de xestión conxunta.

 

Canto á Lei da calidade alimentaria, o titular de Medio Rural fixo alusión á aposta definitiva da Xunta pola calidade e pola singularidade, promocionando e protexendo os nosos produtos a través dos 36 selos galegos de calidade diferenciada. Nesa dirección, afirmou que a nosa comunidade posúe unha vantaxe no que a calidade se refire polo que debemos ser capaces de sacarlle todo o partido posible, redundando no beneficio de todos os nosos produtores e produtoras. Nesa senda, dixo, son claves a transformación, a comercialización, a creación de valor engadido, a dixitalización do sector e a etiquetaxe positiva, na que incide o Goberno galego a través da campaña Galicia Etiqueta Calidade.

 

A maiores, José González referiuse no seu discurso á ambiciosa oferta formativa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e aos centros de investigación da Consellería do Medio Rural que traballan da man das universidades, así como aos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas –os AKIS– como unha valiosa ferramenta de investigación agraria aplicada que permite a transmisión de coñecementos entre persoas, organizacións e institucións de cara á potenciación do sector primario.

 
Relatorios de Medio Rural  

Nesta primeira xornada do Congreso internacional sobre extensión rural e planificación agraria tamén participarán a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

Por unha banda, Inés Santé dirixirá un grupo de traballo sobre a xestión do territorio e outras medidas contra o despoboamento das zonas rurais, dando conta dos instrumentos e actuacións que se poden levar a cabo. Pola súa parte, José Luis Cabarcos pronunciará un relatorio sobre o estado actual do sector agroalimentario en Galicia.

Cabe engadir que o Congreso -que se celebra en España por primeira vez- se prolongará deica este sábado 25 de xuño no Campus de Lugo da Universidade de Santiago. Nel participarán máis de 200 asesores rurais, investigadores e responsables de administracións ligadas ao ámbito agrario procedentes de 30 países.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022