O presidente da Xunta, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou no acto de entrega destes galardóns

Rueda salienta que as 166 bandeiras azuis de Galicia son un premio ao compromiso da comunidade co seu patrimonio natural e un recoñecemento á súa aposta polo turismo sustentable

Incide en que ondearán en 112 areais, 11 portos deportivos, 14 centros e 29 sendeiros, e son 11 máis que o ano anterior

Indica que volve a situar á Comunidade como unha referencia en España, xa que 1 de cada 5 bandeiras azuis do país pendurarán no noso territorio

Sinala que Galicia recibiu no primeiro cuadrimestre 1 millón de turistas e segue a velocidade de récord co Camiño de Santiago con máis de 132.000 compostelas entregadas
 

Compartir
  • whatsapp

Marín (Pontevedra), 22 de xuño de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que as 166 bandeiras azuis de Galicia son un premio ao compromiso da Comunidade co seu patrimonio natural e un recoñecemento á súa aposta polo turismo sustentable e de calidade. Fíxoo durante o acto de entrega destes distintivos que ondearán en 112 areais, 11 portos deportivos, 14 centros e 29 sendeiros. “Son 11 estandartes máis que o ano anterior”, dixo.

 

A ese respecto, Rueda sinalou que Galicia pode sentirse orgullosa de que en relación a criterios de calidade de auga, seguridade, xestión ou información, a Asociación de Educación Ambiental volvera a situar á Comunidade como unha referencia en España, como demostra o feito de que 1 de cada 5 bandeiras azuis do país pendurarán no noso territorio.

 

Nese sentido, agradeceu a visitantes, veciños, axentes con incidencia no mar e concellos a súa contribución para acadar este novo éxito ambiental. “Non é fácil xestionar cada ano un aluvión de visitantes co rigor e a calidade da que facedes gala”, engadiu.

 

Logo de facer fincapé en que estas novas 11 bandeiras son 11 novos espaldarazos para lograr que este Xacobeo dobre sexa inesquecible, o presidente da Xunta fixo balance dos datos turísticos do primeiro cuadrimestre. Neste sentido, destacou que Galicia recibiu 1 millón de turistas, o que supuxo triplicar as cifras do mesmo período do 2021. Ademais, comezou a recuperar o turismo internacional e segue a velocidade de récord co Camiño de Santiago, con máis de 132.000 compostelas entregadas. “Galicia satisfai os desexos de natureza, Galicia ofrece termalismo, Galicia respira historia e Galicia é calidade”, aseverou.

 

Segundo o titular do Goberno galego, recoñecementos como estes, reflicten que Galicia sabe xestionar o seu, desde o rigor e a sustentabilidade. E, ao fío disto, volveu reclamar poder facelo tamén no tocante á xestión do litoral, unha petición que xa se concedeu a outras comunidades como Andalucía ou Cataluña. “Galicia é a primeira interesada en preservar a súa costa”, abundou.

 

Por último, pediu sentidiño e responsabilidade aos galegos e galegas na noite de San Xoán para que as praias á mañá seguinte luzan fermosas e libres de residuos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022