O conselleiro do Medio Rural, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, entregou en Becerreá dous lotes de equipamento de seguridade ao persoal contra o lume

A Xunta investirá entre este ano e o vindeiro preto de 19 M€ en vehículos e diverso material para o servizo de prevención de incendios forestais de Galicia

José González salientou que o obxectivo de todo este esforzo é, en primeiro lugar, mellorar a seguridade destes profesionais e, en segundo termo, optimizar a súa eficacia

Compartir
  • whatsapp

Becerreá (Lugo), 22 de xuño de 2022 A Xunta investirá entre este ano e o vindeiro case 19 millóns de euros en vehículos e diverso material para o Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia. Trátase tanto de motobombas e todo terreos como de equipos de protección individual, motoserras, rozadoiras e outros equipos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade.

 

Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na entrega de parte deste material -na localidade luguesa de Becerreá- aos profesionais que loitan contra o lume, nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

 

En concreto, hoxe o titular de Medio Rural fixo entrega de dous lotes de varias prendas técnicas. O primeiro deles consta de 2.500 conxuntos de anorak, forro térmico e cobrepantalón para todo o persoal laboral adscrito ao Servizo de prevención de incendios forestais, cun valor total superior aos 1,1 millóns de euros. Pola súa parte, a segunda entrega consistiu nun lote de 5000 conxuntos de chaqueta e pantalón, destinado a todo o persoal laboral agás o persoal de oficina. O investimento neste segundo lote de equipamento supón un importe de máis de 480.000 euros totais. Así pois, este material representou un investimento de preto de 1,6 millóns de euros.

 
Equipamentos entregados este ano

Estes equipamentos súmanse aos entregados -ou que se están facilitando- no que vai de ano. Trátase de seis motobombas, 137 vehículos pick-up para outras tantas brigadas, 15 vehículos todo terreo para os axentes, as 11 prendas que constitúen a uniformidade dos 387 axentes da Consellería do Medio Rural e preto de dúas mil unidades, contabilizando motoserras, rozadoiras, equipos de protección individual de corte, cascos, luvas e botas e pantalóns anticorte.

 

Ademais, no seguinte semestre deste ano está previsto entregar outros 113 vehículos todo terreo e diferente roupa para técnicos, así como traxes de auga e botas de auga para o persoal (5.000 unidades en total).

 

O conselleiro trasladou, a maiores, que de cara ao vindeiro ano continuaranse facendo entregas, neste caso de 37 vehículos máis (todo terreos), así como doutros novos equipos de protección individual, roupa técnica e traxes e botas de auga.

 

Neste acto, José González salientou que o obxectivo de todo este esforzo é, en primeiro lugar, mellorar a seguridade destes profesionais e, en segundo termo, optimizar a súa eficacia. Así, engadiu, demóstrase o compromiso da Xunta por un operativo anti incendios profesionalizado, versátil, eficiente e ben dotado de medios. Por último, o conselleiro reiterou o seu recoñecemento a todo o persoal que participa na loita contra este problema na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 22/06/2022