A Xunta destaca a importancia do sector loxístico para impulsar un sistema competitivo que facilite a acción exterior das empresas galegas

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu en Valencia ao Foro Anual das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que alcanza a súa vixésimo primeira edición na procura de optimizar os servizos e apoios prestados ao tecido produtivo

Salientou que a marca Galicia Logistics permite potenciar o papel que a Comunidade ten na loxística internacional, reivindicando a Galicia como un “enclave estratéxico” para tráfico de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico
 

Valencia, 22 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu ao XXI Foro das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que se celebra en Valencia, onde salientou a importancia do sector loxístico de Galicia para impulsar un sistema competitivo que facilite a acción exterior das empresas galegas. 

 

“A loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, salientou Guldrís, quen destacou que a marca Galicia Logistics potencia o papel da Comunidade na loxística internacional, reivindicándoa como un “enclave estratéxico” no tráfico de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico.

 

Neste contexto, o director do Igape reivindicou o papel que está a xogar o sector na boa marcha das exportacións galegas. “Sen un bo servizo loxístico, non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións”, afondou Guldrís.

 

Unhas cifras que se están a mellorar durante este 2022 no que os datos do primeiro cuadrimestre, no que as vendas ao exterior se refire, acadaron os 9.095 millóns de euros, cun incremento do 23,5% respecto ao mesmo período do anterior exercicio.

 

O Foro ADR, que se vén celebrando desde hai dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ao tecido empresarial.

 

Nesta ocasión, as sesións de traballo centráronse en campos como a innovación e o desenvolvemento sostible, a dixitalización, a especialización intelixente ou as novas escolas de emprendemento. Así, o Foro incluíu obradoiros específicos sobre ditas temáticas, ademais de sesións plenarias sobre a economía do coñecemento, a propia loxística, ou o papel das ADR ante os retos da industria europea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022