A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe nun encontro co comité executivo da entidade

Ethel Vázquez garántelle á Cámara de Comercio da Coruña que a Xunta defenderá os intereses do empresariado galego afectado polo corte da A-6

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade traslada a máxima implicación do Goberno galego na procura de alternativas que palíen o enorme impacto do peche deste acceso principal a Galicia para moitas industrias

Compartir
  • whatsapp

A Coruña, 22 de xuño de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu hoxe que a Xunta defenderá os intereses do empresariado galego afectado polo corte da Autovía A-6. Así o asegurou no encontro que mantivo co Comité Executivo da Cámara de Comercio da Coruña na sede da entidade.

 

Vázquez Mourelle manifestou a gran preocupación do Goberno galego polo acontecido no viaduto do Castro desta autovía, que representa un dos principais accesos a Galicia e cuxo corte, indefinido polo momento no tempo, xera un forte impacto de tráfico, de seguridade viaria, de ruído e molestias para os veciños de Pedrafita, de turismo e, sobre todo, económico.

 

Segundo dixo, ante este problema, a Xunta actuará coa máxima lealdade institucional, pero tamén coa máxima lealdade cos galegos, sendo esixentes en relación coa toma de decisións e a oferta de respostas. A ese respecto, sinalou que “nin Galicia nin a economía galega poden cruzar os brazos e agardar a que caia o viaduto que queda para empezar a buscar solucións” e engadiu que a Administración autonómica traballará para contribuír a achegar vías de saída a esa situación.


Ethel Vázquez considerou que trata dun “problema nacional” que chega, ademais, nun momento moi complexo para diferentes sectores económicos, pola inflación e a alza de prezos dos carburantes, que asfixian o transporte de mercadorías, cunha nova ameaza de paro.

 
 

A conselleira informou do diálogo que a Xunta e os diferentes actores do sector da cadea loxística están a manter de forma permanente para facilitar o traballo do transporte de mercadorías. Avanzou que se adoptarán medidas de calado desde o Goberno galego pero apuntou a necesidade urxente de que o Executivo central actúe con medidas eficaces para paliar a alza do custo do combustible.

 

Fronte a este panorama “sombrío”, Ethel Vázquez puxo en valor o gran momento investidor que están a vivir Galicia e A Coruña a pesar da crise dos prezos dos materiais que dificultan a execución das obras públicas.

 

Destacou a importancia que ten para A Coruña e toda a súa comarca o feito de que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira estea xa en licitación por 140 M€, unha gran oportunidade de desenvolvemento para todo o tecido empresarial, e indicou que confía en que empece a materializarse nos vindeiros meses.

 

A conselleira remarcou tamén os importantes proxectos que está a desenvolver a Xunta na comarca para contribuír ao seu pulo industrial, co impulso do polígono de Morás ou a ampliación da capacidade da avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo.

 

Subliñou, ademais, os avances no traballo para blindar a sanidade pública da Coruña dos vindeiros 50 anos a través do Novo CHUAC, que suporá un investimento de 430 M€. Lembrou a recente licitación das obras da estación de autobuses da intermodal, un investimento de 40 M€ que comezará a executarse no outono; ou da estrutura flotante e da zona de baño e ocio náutico do Parrote, co que a Xunta dará comezo á recuperación da fachada marítima da cidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022