A Xunta deseña unha nova estratexia galega de responsabilidade social empresarial que fomentará modelos de negocio máis sostibles e competitivos

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou as xornadas Riscos, actuacións e principais oportunidades sostibles en materia de ESG celebradas na Coruña pola Fundación Corresponsables co apoio da Xunta
Avogou por unha Galicia con empresas máis integradoras e competitivas para un contexto de transformación no que o compromiso social ou a igualdade se sitúan no primeiro plano
A Xunta ten marcha unha nova edición do programa Responsabilízate, unha iniciativa que quere apoiar a 200 pemes no desenvolvemento de boas prácticas no marco da Responsabilidade Social Empresarial
 

Compartir
  • whatsapp

 

A Coruña, 22 de xuño de 2022. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe as xornadas Riscos, actuacións e principais oportunidades sostibles en materia de ESG organizadas pola Xunta e a Fundación Corresponsables onde anunciou que a Xunta xa está a traballar no deseño dunha nova Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial que reforzará os apoios ao tecido empresarial para facelo máis competitivo e responsable.

Mancha avogou por unha Galicia con empresas “máis competitivas e integradoras”, con capacidade de responder e adaptarse aos retos globais en materia social e ambiental “sen deixar a ninguén atrás”, declarou. “Continuaremos visibilizando a relevancia da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e impulsando comportamentos responsables na propia administración”, engadiu.

A nova estratexia terá por misión axudar ás empresas a enfrontar con éxito as oportunidades que presenta o desenvolvemento sustentable, “fomentando modelos de negocio que integren as variables económicas, ambientais e sociais e de bo goberno, así como as expectativas dos grupos de interese; impulsando a colaboración entre empresas, cidadanía e administración para construír xuntos unha Galicia sostible e competitiva”.

Á parte do efecto reputacional, a directora xeral concluíu que as empresas que aplican este tipo de prácticas no marco da RSE melloran as súas vendas, teñen menos gastos financeiros e incrementan a súa rendibilidade. Todo isto, recalcou, sen ver incrementados os seus custos de produción.

Programa Responsabilízate

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten en marcha unha nova convocatoria do programa Responsabilízate, unha iniciativa que ofrece asesoramento gratuíto para apoiar ás pemes a incorporar criterios sostibles na súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza, entre outros; así como para o desenvolvemento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A actuación incide ademais na aplicación de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.

Mancha lembrou que esta iniciativa está dirixida a apoiar a máis de 200 pemes e persoas traballadoras autónomas. Para poder participar, deben ter domicilio social ou centro de traballo en Galicia, contar con polo menos unha persoa traballadora por conta allea e non superar os 50M€ de volume de negocio anual ou un balance anual inferior a 43 millóns.

A directora xeral de Relacións Laborais lembrou que as inscricións ao programa permanecen abertas ata cubrir todas as prazas a través da sede electrónica da Xunta (código de procedemento TR320B).

Con todas estas actuacións, a Xunta está a reforzar o seu compromiso de apoio ao tecido empresarial, impulsando a súa competitividade nun contexto de transformación no que o compromiso social, a igualdade e o respecto ao medio ambiente pasan a un primeiro plano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022