O titular do Goberno galego interveu nas X Xornadas RIFDE sobre finanzas autonómicas

Rueda destaca a experiencia das comunidades na xestión de fondos europeos e reclama axilidade e concreción cos Next Generation

“O sistema autonómico permite unha mellor xestión dos fondos públicos xa que os Gobernos das comunidades estamos preto dos cidadáns”, afirma

Rueda cualifica como “crucial” a renovación do actual sistema de financiamento e salienta a oportunidade única para impulsar a economía que supoñen os fondos europeos
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a experiencia das comunidades na xestión dos fondos europeos e reclamou axilidade e concreción cos Next Generation.

Durante a súa intervención nas X Xornadas RIFDE sobre finanzas autonómicas, Rueda afirmou que o sistema autonómico permite unha mellor xestión dos fondos públicos “xa que os Gobernos das comunidades estamos máis preto dos cidadáns”. Nese sentido, referiuse ao bo coñecemento que teñen estes Gobernos do territorio e das necesidades dos seus habitantes. Ademais, fixo fincapé na importancia do contexto no que viven os galegos, agora marcado tamén polas consecuencias da pandemia e a alza de prezos agravada pola guerra en Ucraína”.

Logo de sinalar que a nosa comunidade amosou nos últimos dous anos a súa capacidade de xestión e habilidade para facer fronte aos retos que xorden no camiño, Rueda salientou que Galicia é a segunda comunidade con menor endebedamento por habitante. Sobre este punto, o titular do Goberno galego recalcou que o control das contas posibilita a marxe necesaria para seguir tomando medidas, como as rebaixas nos impostos ou o Plan de Choque para mitigar os efectos económicos da guerra.

Deste xeito, Alfonso Rueda asegurou que os orzamentos para o 2023, que están xa en proceso, contemplarán axudas a fogares para “soportar esta espiral inflacionista” como principal obxectivo. A maiores, e como xa adiantara na súa investidura, lembrou que tamén se reducirán os impostos ás rendas máis baixas, que as familias con dous fillos menores de 25 anos equipararanse ás familias numerosas en termos de IRPF e que todas as escolas de educación infantil gozarán de gratuidade no vindeiro curso 2022–2023.


Reforma do sistema de financiamento autonómico

Sobre este punto, Rueda cualificou de “crucial” a reforma do actual sistema de financiamento autonómico ao tratarse dun modelo “insatisfactorio con problemas de dinamismo”.

Ao fío disto urxiu a pactar un sistema que permita que calquera cidadán reciba a mesma calidade de servizos públicos. E recordou que a Xunta demandou unha “revisión do modelo sensata e duradeira no que se teña en conta as peculiaridades de cada territorio”.

Finalmente, o titular do Goberno galego asegurou que os fondos Next Generation son “unha oportunidade única para impulsar a economía”, sobre todo tendo en conta a capacidade de xestión que teñen as comunidades autónomas “avaladas por décadas de experiencia”. Deste xeito, Rueda reclamou novamente axilidade, concreción e descentralización na súa xestión.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022