A Xunta sinala a importancia da formación para o emprego para que o tecido empresarial galego conte cos traballadores que precisa

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e o director xeral de Formación Profesional, José Luis Mira, participaron hoxe na III xornada Pontes entre formación e emprego de Red Activa

Toca sinalou que a Xunta está a poñer a disposición do tecido empresarial galego unha nova ferramenta informática para axustar a oferta á demanda de emprego

Puxo en valor a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que conectará as necesidades formativas do mercado laboral galego coas oportunidades de traballo para aproveitar o talento de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, moderou hoxe na Cidade da Cultura unha mesa redonda sobre emprego no marco da III xornada Pontes entre formación e emprego, organizada pola asociación Red Activa, na que destacou os diversos mecanismos que está a desenvolver a Xunta para axustar a oferta á demanda laboral, poñendo a disposición das persoas que buscan emprego ou un mellor posto laboral a cualificación que solicitan as empresas. “Estamos a transformar a formación para o emprego, conferíndolle a importancia que ten para que o noso tecido empresarial poida contar cos traballadores que precisa”, apuntou.

Neste senso, Toca destacou a nova ferramenta informática que está a deseñar o Goberno galego para o Servizo Público de Emprego e que está a poñer a disposición do tecido empresarial para intercambiar datos e información e, deste xeito, axustar a oferta á demanda de emprego. Trátase dunha iniciativa para poder mellorar a orientación e a colocación das traballadoras e traballadores e, deste xeito, tal e como sinalou Toca, dar solución á falta de man de obra que existe na actualidade nalgúns sectores de actividade.

A Xunta, especificou, conta, ademais, cunha oferta formativa adaptada ás necesidades do tecido empresarial a través do Plan de formación para o emprego de persoas desempregadas e ocupadas ou as unidades formativas nas empresas, que con 14 millóns de euros para 2022, busca que 2.100 persoas desempregadas poidan formarse e optar a un contrato de traballo. As unidades formativas na empresa teñen vencellado un compromiso de contratación por parte das empresas de polo menos o 40% dos participantes nas accións formativas.

No marco da orde, prímase ademais a inserción laboral de persoas con discapacidade, emigrantes retornadas, menores de 30 e parados de larga duración, vítimas de violencia de xénero e traballadores en risco de exclusión social. A orde ademais reserva 7M€, a metade do seu orzamento (que se financia na súa integridade con fondos finalistas procedentes do Ministerio de Traballo e Economía Social) a cualificar e impulsar a contratación de mulleres en sectores nos que se atopan infrarrepresentadas. No seu caso, ao igual que no de restantes participantes nas unidades formativas, a Xunta ofrece incentivos para a contratación indefinida e a xornada completa.

No eido da formación para o emprego, a secretaria xeral de Apoio ao Emprego tamén puxo en valor a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que está a ultimar a Xunta, e que conectará as necesidades formativas do mercado laboral galego coas oportunidades de traballo para aproveitar o talento de Galicia. É, en palabras de Toca, “unha estratexia de formación para o emprego integral e ambiciosa e un instrumento que está chamado a ser piar do sistema de colocación galego, ao optimizar os perfís profesionais para dar resposta aos desafíos do mercado de traballo”, rematou.

Potenciación da Formación Profesional

Na III xornada Pontes entre formación e emprego tamén participou o director xeral de Formación Profesional, quen moderou unha mesa redonda sobre as sinerxías entre o sistema educativo e o tecido produtivo. José Luis Mira salientou o desenvolvemento do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais en todos os graos para dar resposta ás necesidades de cualificación que ten o sistema produtivo e económico de Galicia. Esta oferta desenvolverase nos 213 centros galegos que imparten ensinanzas de Formación Profesional e de maneira máis significativa nos 24 centros integrados de FP.

O director xeral de Formación Profesional destacou tamén o esforzo da Xunta de Galicia por deseñar unha oferta flexible e adaptada ás necesidades do sistema produtivo, polo que se está a potenciar de xeito especial a Formación Profesional Dual, que se desenvolve conxuntamente entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as empresas. No curso 2022-2023 poñeranse en marcha 120 novos proxectos e participarán máis de 800 empresas, con propostas tan innovadoras como a incorporación de ensinanzas de nova implantación no caso do ciclo de grao medio de Pedra Natural en O Porriño, o novo curso de especialización en modalidade dual de Intelixencia artificial e big data na Coruña ou a dobre titulación de Dirección de cociña e Dirección de servizo de restauración en Pontevedra.

Data de actualización: 22/06/2022