O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o director da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando inauguran a mostra esta tarde na institución madrileña

A Xunta e a Real Academia de Bellas Artes reivindican o papel de Laxeiro na arte do XX coa exposición máis ambiciosa organizada en Madrid sobre o autor galego

A mostra ‘Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)’, aberta ata o 24 de xullo, busca situar ao pintor de Lalín nun lugar destacado da vangarda española do século XX

Comisariada por Carlos Bernárdez, a proposta chega nun momento de novas direccións no estudo do movemento pictórico do século pasado, recuperando artistas no seu momento esquecidos fóra da súa terra

Madrid, 22 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o director da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Tomás Marco, inauguraron esta tarde en Madrid Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), exposición itinerante coa que se conmemora o Ano Laxeiro e que chega agora a capital de España para ser acollida por unha das institucións culturais máis antigas e prestixiosas, da que o propio Laxeiro foi alumno na súa mocidade.

A mostra, que poderá visitarse ata o 24 de xullo, sae de Galicia tras unha primeira estadía na vila natal do pintor, no Museo Ramón María Aller de Lalín, iniciando un periplo co que se busca situar a renovadora pintura de Laxeiro nun lugar destacado da historia da arte española do século XX.

Grazas á colaboración da Xunta de Galicia e a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a proposta comisariada por Carlos L. Bernárdez, representa unha oportunidade única para reivindicar o legado de Laxeiro máis alá de Galicia.  Neste senso, o comisario destacou que esta iniciativa chegue precisamente “nun momento renovador da arte galega do pasado século, achegamentos onde prima a vontade de resituar aos aristas no contexto internacional do seu tempo”.

Este obxectivo, xurdido despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicarlle este ano o “Día das Artes” ao pintor, reforzarase posteriormente a nivel internacional co apoio da Embaixada de España en Francia e o Instituto Cervantes en París, onde se instalará a exposición a principios do vindeiro 2023, tras pasar polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia (do 29 de setembro ao 18 de decembro).

Durante a inauguración en Madrid, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo fincapé “no recoñecemento que supón a estadía que hoxe comeza esta mostra nunha das principais institucións culturais de España para a figura de Laxeiro como un dos pintores vangardistas máis destacados no século XX”.

Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego agradeceu “a implicación da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e a súa entusiasta acollida da proposta, ademais de recibirnos unha vez máis na súa casa, tras a presentación que xa tivo lugar aquí no pasado mes de marzo, nun marco que a bo seguro contribuirá a reforzar a imaxe dun artista excepcional”.

Pola súa parte, o director da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando destacou “a xusta reivindicación dunha figura imprescindible da arte contemporánea, cuxa fortuna crítica foi menor á doutros nomes propios da vangarda galega, pero non menos relevante pola súa conexión con algunhas das formulacións estéticas máis influíntes do século XX”, e agradeceu “á Xunta de Galicia o seu rigoroso compromiso cultural e o seu bo facer en todas e cada unha das fases de organización desta importante exposición”.

O acto contou coa presenza da conselleira de Turismo, Cultura e Deporte da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz; deo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Ademais, asistiron á inauguración o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo e o pintor Antón Lamazares. Tamén estiveron presentes representantes do mundo da cultura como a Biblioteca Nacional de España e numerosos persoeiros do ámbito político vinculado a Galicia, co presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, á cabeza, e varios senadores e deputados.

40 obras de destacadas institucións e coleccións privadas

A exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970) reúne 40 pezas procedentes de coleccionistas privados e diversas institucións e museos. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) nas que Laxeiro se instalou en Buenos Aires. “Foi a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”, explica Carlos L. Bernárdez.

Algunhas das obras máis destacadas e representativas desa época de maior agresividade na pincelada do artista son Foi un home (1963), O espanto (1962), Xefe Azteca (1964), Retrato (1960-1970) ou O mundo (1964).

Ademais, a retrospectiva complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, recreando simbolicamente a exposición de Buenos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América. Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra  (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.

Alumno da Real Academia de San Fernando

A figura de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), enmárcase na vangarda histórica galega cando un grupo de novos artistas, Os Renovadores, iniciou un proxecto de actualización estética.

En 1931 recibiu un bolsa de 3.000 pesetas por parte do Concello de Lalín para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. No ano seguinte, Laxeiro continuou formándose nesta institución cunha bolsa da Deputación de Pontevedra. En Madrid puido participar nos faladoiros de café con intelectuais galegos como Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo ou Rafael Dieste. Ademais, durante ese tempo asiste ao café La Granja del Henar onde coñece a Gómez de la Serna ou a García Lorca.

En 1951 participa na exposición Artistas galegos, organizada por Luis Seoane por encargo do Centro Galego de Buenos Aires, na Galería Velázquez. Dende entón, fixa a súa residencia na capital arxentina incorporándose ao núcleo fundamental da cultura galega en América, xunto a Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros moitos.

En 1970, despois da gran retrospectiva que lle dedica a Art Gallery International en Buenos Aires, regresa definitivamente a Galicia, animado tamén pola creación na súa terra natal do Museo Laxeiro. Falece en Vigo en 1996, aos 88 anos, pouco despois da inauguración da antolóxica que lle organizou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/06/2022